Denuncian que o proxecto de balsa para a mina de Touro ten fallos de seguridade para almacenar residuos

A Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON, denuncia a estratexia de dilatación do proceso de estudo por parte da Xunta sobre o impacto ambiental da mina de cobre.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 18/03/2019 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

A Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON apunta a excesiva marxe de tempo para a fase de “estudo” do proxecto mineiro en Touro e O Pino. Así, están esperando que a Consellería de Medio Ambiente, emita a correspondente Declaración de Impacto Ambiental (DIA), “despois de 5 meses da súa chegada ao departamento encargado do informe e máis de 18 meses desde que se presentase a exposición pública no Diario Oficial de Galicia no mes de agosto de 2017”.

Balsa de residuos na mina de Touro
Balsa de residuos na mina de Touro | Fonte: Plataforma Veciñal

Nun comunicado enviado aos medios, a Plataforma denuncia que “por parte da Xunta de Galicia” existe unha “estratexia” de “dilatación do proceso cunha intención clara de terminar co rexeitamento social”. Por ese motivo, alegan, “queremos achegar publicamente algúns dos datos que xa están en poder da administración desde hai meses sobre o risco das balsas mineiras que contempla, de levarse este a efecto”.

Segundo a Plataforma “o plan para o almacenamento de estériles no Proxecto Touro implica o confinamento de estériles de planta potencialmente xeradores de ácido mediante unha balsa construída con estériles de mina non xeradores de ácido”. Segundo denuncian no seu comunicado, o deseño da balsa non ten en conta “os criterios básicos de seguridade, incluídos a inundación máxima probable e o terremoto máximo crible”. Non obstante, tamén sinalan que “non hai un plan para construír a presa se non hai suficientes estériles ou para evitar mesturar os estériles na presa”.

VALORACIÓNS DE EXPERTOS

O profesor Steven H. Emerman, doutor Xeofísica pola Universidade de Cornell, especialista en balsas mineiras, “realizou para esta Plataforma un informe detallado sobre os riscos dos depósitos de estériles da mina de Touro”. Segundo o estudo do profesor Emerman, a Plataforma sinala que os “documentos técnicos proporcionados pola promotora Cobre San Rafael e os seus consultores non abordan adecuadamente” unha serie de riscos expostos polo plan de almacenamento de estériles.

Entre os riscos apuntados no informe de Steven Emerman, apúntase que “non hai ningunha estimación dos criterios básicos de seguridade, incluídos a inundación máxima probable e o terremoto máximo crible”. Tampouco hai ningunha estimación da “incerteza na proporción de estériles de mina potencialmente xeradores de ácido e non xeradores de ácido”. Apuntan tamén a que non hai plans “sobre que facer se non hai suficientes estériles de mina, o que conduce ás posibilidades de que haberá un cambio” no deseño da presa para adaptarse á falta de material de construción.

Ademais dos puntos xa sinadalos, non se contempla ningún procedemento para separar estériles de mina. “Mesmo aínda que haxa un procedemento, os estériles de mina non se poden analizar gramo por gramo”. Isto podería levar “á posibilidade de que haberá unha mestura de material con ácido na presa ou os muros, xa sexa accidentalmente ou por necesidade”. Esta posibilidade  podería levar “á drenaxe aceda de mina desde a presa ou os muros”. A falta de deshidratación dos estériles de planta antes do peche da mina e a falta de mantemento da presa despois do peche da mina conduce á posibilidade dun eventual colapso da presa.

Os últimos puntos sinaladas son que “os revestimentos impermeables fallarán, o que podería conducir á posibilidade de que os ácidos” podan ir “á auga subterránea”. Por último, “unha eventual diminución no nivel freático podería conducir ao esgotamento do material alcalino que se supón neutraliza os ácidos dos estériles que puideran crear eses ácidos”.

Sobre un peche a longo prazo “non hai un plan sobre que facer se diminúe o nivel freático, se se esgota o material alcalino na corta, nin se o revestimento impermeable teña fugas, o
cal é probable despois de 100 anos”
. A Plataforma sinala que a aldea de Arinteiro “aínda se situará a menos de 200 metros da presa de estériles despois de que se peche a mina”. Por iso consideran que a presa pechada aínda sería unha “infraestrutura na categoría de risco “moi alto”. Mais aínda así “no proxecto non existe un plan para a xestión a longo prazo ou perpetua das áreas afectadas pola mina despois do peche”.

DIRECCIÓN XERAL DE MINAS

A Plataforma tamén consideira que a pesar de todo o exposto “o Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, non parece coñecer adecuadamente todos os riscos que non se analizan no proxecto, a xulgar polas súas declaracións na última Comisión de Industria do Parlamento de Galicia”. Por iso remarcan tamén que “á vista do informe do profesor Emerman, a Xunta de Galicia xa tería que dar carpetazo definitivo ao proxecto mineiro de cobre a ceo aberto”.

O comunicado da Plataforma remata dicindo que “este proxecto nunca terá 15 informes sectoriais favorables, polo que, e de acordo ao manifestado en sede parlamentaria polo propio presidente da Xunta, non pode contemplarse a súa viabilidade de ningunha maneira legal posible, non entendemos que despois de máis de ano e medio non se denegou xa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta