A loita contra a invasión da velutina é unha cuestión de feromonas

Varios equipos científicos en Galicia, Portugal e Francia traballan na identificación de feromonas de alarma e sexuais para crear cebos exclusivos para avespas asiáticas, ante a escasa eficacia das trampas caseiras e comerciais, que constitúen unha ameaza adicional para os insectos nativos.

Por Alberto Quian | Madrid | 20/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Combater a invasión da vespa velutina converteuse nunha obsesión para os científicos. Fronte aos métodos caseiros e comerciais que se están aplicando, sen eficacia real para frear a praga e con danos colaterais para outras especies, os científicos están a desenvolver distintas liñas de investigación para atopar un remedio realmente efectivo. E a clave pode estar nas feromonas.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

As feromonas actúan como mensaxes químicas entre seres vivos. Estas substancias químicas buscan provocar comportamentos específicos noutros individuos, polo que poderían ser un factor clave na loita contra a expansión da avespa asiática. Os científicos saben da importancia que ten este mecanismo de transmisión de sinais nos comportamentos animais, polo que están explorando esta vía para desenvolver solucións contra a velutina.

Actualmente non existe un atraente específico que permita a captura exclusiva da velutina, polo que as trampas están tamén causando baixas noutras especies

A avespa asiática mostrou unha excelente adaptación ás condicións climáticas do norte da Península Ibérica. Isto, xunto á inexistencia de competidores naturais, favoreceu a súa rápida expansión nesta rexión, causando graves impactos socioeconómicos e medioambientais.

Un dos métodos de control utilizados é o trampeo das raíñas fundadoras na primavera. Con todo, o trampeo mostrouse pouco selectivo e efectivo, xa que actualmente non existe un atraente específico que permita a captura exclusiva da velutina, polo que as trampas están tamén causando baixas noutras especies.

Ao tratarse dunha especie social, as feromonas xogan un papel crucial na comunicación da velutina. Isto levou a pensar na posibilidade de elaborar atraentes específicos, a partir de feromonas de velutina, que permitan atrapar exclusivamente exemplares desta especie e de maneira masiva.

A estratexia pasa por identificar a feromona de alarma que emiten as avespas obreiras e a feromona sexual emitida para o apareamento de femias fértiles e machos

O estudo das feromonas da velutina converteuse así na nova esperanza científica contra a praga. Nesta liña veñen traballando distintos grupos de investigación en Galicia, Portugal e Francia.

A estratexia pasa por identificar os compostos que interveñen na comunicación química nesta especie e, en concreto, dúas feromonas. Unha é a feromona de alarma emitida polas avespas obreiras. As feromonas de alarma nos insectos son sinais químicos que un ou varios individuos emiten cando son perturbados por un intruso. As feromonas de alarma poden provocar sinais para unha fuxida, ou sinais para realizar un ataque en masa da colonia. A outra feromona clave é a sexual, emitida para o apareamento de femias fértiles e machos.

Un dos estudos máis recentes nesta liña de investigación foi encabezado por María Shantal Rodríguez Flores, do Grupo de Aerobioloxía e Apicultura do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo. Rodríguez estivo traballando no Instituto Politécnico de Bragança, Portugal, baixo a dirección de Miguel Vilas Boas, nun proxecto que busca un compoñente útil para obter un atraente específico para a velutina. A idea é elaborar cebos con feromonas que só atraian esta especie invasora.

No proxecto participaron tamén Ana Seijo Rodríguez, Olga Escuredo e María del Carmen Seijo Coello, da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, e Soraia I. Falcão e Miguel Vilas-Boas, do Centro de Investigação de Montanha (CIMO), do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal).

Precisamente, as investigadoras galegas xa alertaron noutro estudo adiantado por este xornal á cidadanía sobre a "inevitable" expansión da velutina, e elaboraron un mapa da invasión en Galicia, no que foi "o primeiro traballo que correlaciona as condicións climáticas e a altitude a favor da difusión desta praga en novos territorios".

Científicos galegos e portugueses identificaron varios compostos que poden axudar a crear atraentes específicos que melloren o control da velutina e só atraian esta especie

O principal obxectivo da investigación realizada canda os científicos portugueses baséase na identificación de compostos volátiles orgánicos presentes en individuos vivos e en feromonas procedentes das glándulas de alarma. Para isto, inxectáronse mostras de feromonas colleitadas in vivo e in vitro. Como principais resultados nos especímenes de velutina analizados in vivo, destacou o nonanal como un dos compostos con maiores concentracións.

Respecto a esta substancia, científicos da Universidade de California Davis (Estados Unidos) xa identificaran en 2009 o nonadal como o causante do olor dominante que atrae os mosquitos cara os humanos. “Atópannos grazas ao nonanal”, afirmou o investigador e profesor Walter Leal, quen co seu equipo creara trampas nas que combinaron nonanal con dióxido de carbono, obtendo como resultados un aumento no número de capturas superior a un 50%, en comparación coas trampas que só usaban CO2 como atraente.

Outros compostos destacables identificados no estudo liderado por María Shantal Rodríguez foron o tetradecano, 4,6-dimethyldodecano, decanal, 4,7-dimethylundecano, e 9-hexylheptadecano.

En canto aos extractos das glándulas de alarma, os principais compostos identificados foron tetracosano, heneicosano, eicosano, octacosanol, heptacosano, octacosano e os seus derivados.

Os investigadores defenden que a identificación de todos estes compostos presentes nas mostras analizadas pode ser de grande interese para desenvolver atraentes específicos que melloren o control da velutina e só atraian esta especie.

En Francia están traballando no desenvolvemento de trampas a partir de feromonas de alarma e sexuais para protexer colmeas de abellas dos ataques das velutinas e atrapar as avespas asiáticas

Nesta mesma liña veñen traballando en Francia, no Instituto de Investigación en Bioloxía de Insectos da Universidade de Tours. Alí, o investigador Eric Darrouzet lidera un equipo que traballa no desenvolvemento de trampas selectivas de feromonas para velutinas.

Os científicos franceses identificaron a feromona de alarma que emprega a vespa velutina, o que podería facilitar o desenvolvemento de trampas selectivas para atraer e atrapar só individuos desta especie.

Pero tamén están estudando as feromonas sexuais para deseñar trampas. Así, as feromonas de alarma servirían para protexer un sitio, como unha colmea de abellas, escorrentando as avespas asiáticas, mentres que as trampas con feromonas sexuais servirían para atraelas e tentar erradicalas, entorpecendo a interacción entre machos e femias, rompendo a súa capacidade reprodutiva.

Na Universidade de Santiago sintetizáronse dúas feromonas que atraen machos de velutina

A idea de crear cebos con feromonas tamén se está a explorar na Universidade de Santiago, no campus de Lugo, onde Xesús Feás traballa precisamente na obtención dun cebo específico sintetizando dúas feromonas que atraen machos de velutina.

Estas dúas feromonas foron descubertas por un equipo chinés e foron logo obtidas en laboratorio no campus de Lugo.

Os científicos son cautos, xa que está aínda por determinar en probas de campo a efectividade real de cebos de feromonas na loita contra a invasión da velutina. Con todo, os experimentos realizados até o de agora abren unha vía de esperanza na guerra biolóxica contra a avespa asiática.

INEFICACIA DE TRAMPAS COMERCIAIS E CASEIRAS

A eficacia das trampas de cebo comerciais e caseiras utilizadas até o de agora para controlar a velutina está moi cuestionada. De feito, científicos galegos estudaron o rendemento destas trampas e atoparon que os exemplares da avespa asiática representaron menos do 1% de todas as capturas, o que "reflicte a baixa selectividade do método", que "constitúe unha ameaza adicional para os insectos nativos", advirten os investigadores.

Dos 144.368 insectos capturados polos científicos nun experimento con 180 trampas en 21 concellos galegos, apenas o 0,90% foron exemplares de velutina. Unha porcentaxe ínfima. 

"As trampas con cebo que se utilizan actualmente para reducir a poboación invasora representan unha ameaza potencial para a fauna nativa, agregada ao impacto directo da Vespa velutinacomo depredador", advirten os científicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta