Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/03/2019 | Actualizada ás 11:00
Pequenos actos como cociñar, lavar os pratos ou ducharse constitúen prodixios cotiáns que configuran a nosa rutina, pero tamén precisan dunha concienciación no uso dun recurso que é limitado e ao que non todos poden acceder. E, precisamente, o Día Mundial da Auga, que se celebra este 22 de marzo, pon este ano precisamente o acento na necesidade de que a sociedade avance sen deixar a ninguén atrás, é dicir, sen privar en grao sumo básico aos que atravesan por dificultades.
E, nesta batalla contra a pobreza no acceso á auga, a empresa Viaqua destaca as axudas que puxo en marcha e que inclúen tarifas e bonificacións sociais, facilidades para fragmentar o pago da factura, para escoller o día de abono ou para aprazar e fraccionar o pago da débeda sen intereses. “Todo o que sexa necesario para que a factura da auga non sexa un problema engadido para os que pasan por momentos complicados”, apunta nun comunicado.
Así, durante o ano 2018 esta empresa conseguiu que 2 de cada 3 clientes (o 66%) teñan á súa disposición algunha bonificación ou fondo de carácter social, xestionando fondos sociais en coordinación cos Servizos Sociais municipais e outros organismos como Cruz Vermella e Cáritas, o que permite ter constancia de todas as situacións de vulnerabilidade para que en ningún caso se corte a subministración de auga a quen non poida pagala.
Ademais, segue promovendo o que se denominou Campaña de Municipios Dixitais, de tal forma que, en consonancia cos Ccncellos, se destinen a fondos Sociais os aforros derivados da impresión, emisión e distribución de facturas en papel xerados por aqueles clientes que deciden recibir a súa factura en formato dixital. Ademais, durante o ano 2018 Viaqua realizou bonificacións no pago das facturas por importe de 54.851 euros a través das súas tarifas sociais, e asináronse 507 compromisos de pago sen intereses financiando así unha débeda de 331.138 euros.
AUGA COMO MOTOR DA BIODIVERSIDADE
Esta empresa aposta por unha alianza entre o sector público e o sector privado, tal como figura no último punto dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que xa integrou o proxecto Suez España, que viu recoñecida a súa labor e traxectoria de referencia na naturalización de infraestruturas.
Neste sentido, a compañía foi premiada nos European Business Awards for the Environment (EBAE), organizados pola Comisión Europea, na categoría de empresa e biodiversidade, polo proxecto 'De plantas de tratamento de auga cara a reservas de biodiversidade'. Viaqua implantou este proxecto de biodiversidade en plantas depuradoras e potabilizadoras de Pontevedra, Ourense e Santiago e tamén quere transformar as plantas depuradoras tradicionais en biofactorías, grazas á consolidación da Unidade Mixta CIGAT-BIOFACTORÍA que se desenvolve na EDAR de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.