Denuncian descoordinación no gran lume de Dodro e Rianxo con 500 membros de Seaga "na casa"

Os sindicatos denuncian a “improvisación” da Xunta para facer fronte os primeiros grandes lumes do ano con case 1000 hectáreas queimadas en tres días. Lembran que en 2012 outro gran incendio primaveral arrasou as Fragas do Eume e non se cambiou nada. A Xunta insiste na intencionalidade dos incendios.

Por Galicia Confidencial | Dodro | 26/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Non pasou nin unha semana do inicio da primavera en Galicia e xa arderon máis de 700 hectáreas, a maior parte delas nun gran lume que afecta aos concellos de Dodro e Rianxo e que tería calcinado polo momento máis de 600 hectáreas. Nesa zona hai vivendas en perigo e xa foron desaloxados dous centros educativos.

Un membro do Brif nun lume
Un membro do Brif nun lume | Fonte: BRIF

Os sindicatos e os traballadores forestais non tardaron xa en cargar, novamente, contra o dispositivo da Xunta, a quen acusan, ano tras ano, de “improvisar”. Traballadores de Seaga denuncian que os 500 efectivos desta empresa pública dependente da Consellería de Medio Rural "están en casa" mentres "neste 2019 xa arderon máis hectáreas que en todo 2018".

Nun comunicado, os comités de Seaga do catro provincias critican que "parece" que a Xunta "espera a que a situación estea fose de control para mobilizar ás brigadas do Spdcif e de Seaga". Por iso, chaman a mobilizar aos efectivos igual que se fixo que na vaga de incendios de 2017. En cambio, lamentan que "a única solución que achega hoxe a Consellería para frear esta vaga de lumes é o despregamento da UME".

A continuación, censuran que Medio Rural "lle retirou a Seaga a encomenda de incendios en aras dunha suposta unificación do servizo que non dá chegado", pero "a eficacia" dos profesionais que coñecen o terreo "é indiscutible". De tal forma, avisan de que co comezo da primavera "a provincia da Coruña arde de punta a punta", polo que preguntan: "Cando pensa tomar medidas o conselleiro de Medio Rural?".

Tamén, Comisións Obreiras critica que, malia que levamos xa dúas semanas de elevadas temperaturas para esta época do ano e baixas precipitacións, a Administración autonómica agardou ata o 24 de marzo para decretar a prohibición de queimas e outras actividades similares, que se fixo efectiva o luns.

Desde a fin de semana, varios incendios afectaron ou están a afectar a diversos puntos da xeografía galega, como Chandrexa de Queixa, a serra do Xurés, O Barco de Valdeorras, onde unha casa estivo en perigo pola proximidade das lapas, e este mesmo martes no Barbanza, concretamente en Dodro e Rianxo, cun gran lume de case 500 hectáreas.

Extinción dos lumes en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Extinción dos lumes en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

INTENCIONALIDADE

A Xunta apunta xa a intencionalidade dalgúns deles. Así, suliña que o das Pontes de García Rodríguez foi intencionado. Tamén o de Lousame, onde o lume inciouse en tres focos diferentes na medianote.  Estes focos uníronse a un cuarto na parroquia de Argalo no municipio de Noia, que permanece activo.

Con todo, desde CCOO lembran que “non é nada novo” que se rexistren lumes en pleno de marzo, e lembra o “voraz” incendio que a finais dese mes, no ano 2012, asolou as fragas do Eume. Malia os antecedentes e a pesar dos propios rexistros meteorolóxicos dos que dispón, asegura que a Xunta teima en “atrasar o máximo posible” a entrada en vigor das medidas de prevención.

OPERATIVO PROFESIONALIZADO

O sindicato insta a Xunta a facer unha “axeitada planificación” do operativo contraincendios. Para iso, debe establecer un “diálogo real e honesto” cos axentes sociais, abordalo “con marxe de tempo suficiente” e dotar “axeitadamente de recursos humanos e técnicos este servizo público que cualifica de esencial”.

Unha crítica na que coinciden efectivos de loita contra os lumes que denuncian que a Xunta evita a contracción de efectivos ata que a situación “é insostible”. Neste sentido, lembran a necesidade de ter un corpo operativo e profesional durante todos os meses do ano debido, precisamente, aos longos períodos de seca que estamos padecendo.

CRÍTICAS MEDIOS

No gran incendio de Dodro a principal crítica que se lle está facendo á Xunta é a tardanza en activar os medios aéreos que comezaron a utilizarse cando o lume tiña xa arrasado 400 hectáreas. Neste sentido, o alcalde desta localidade, Valentín Alfonsín, explica que "sen medios aéreos era moi complicado" polo que espera que este reforzo axude ao control do lume.

ECOLOXISTAS

Pola súa banda, desde os colectivos ecoloxistas poñen o aceno na política forestal da Xunta e, especialmente, no descontrol nas plantacións de especies invasoras, como o eucalipto. Neste sentido, o colectivo Cousas de Raíces, destacou a campaña que tivo lugar esta fin de semana de “Deseucaliptización Simultánea” de Galicia. A iniciativa saldouse cun grande éxito de participación, con máis de 360 persoas voluntarias, e sobre todo, coa eliminación de especies exóticas invasoras dos montes galegos: máis de 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Antón

É verdadeiramente incríble o oportunismo desta xente. Da auténtico pavor ver como estes supostos profesionais ante unha situación como esta o primeiro que fan é esixir a súa inmediata incorporación, como si dunha extorsión se tratara. E todo porque a Xunta decidiu reoganizar o dispositivo e cambiar a encomenda da súa empresa, dándolles tarefas de prevención... Xente de SEAGA: na casa non só estades vos, e non sodes nin os únicos, nin os más profesionais, nin os que mellor coñecedes a zona, nin moito menos vos van a modificar o Decreto mañá mesmo baixo a coacción da CIG e o paraugas da situación actual.

1 entendido da florestal

Xa estamos, xa estamos.. a conclusión e clara e concisa cando non chove na Galiza arde... e cun calor de 30 graos e vento que poden esperar, senon que os "asa chourizos de sempre" fagan das suas... agora xa non se pode nin facer prevención no inverno!!! e non sexan agoreiros a xunta xa mandou medios desde as brigadas militares de mandriles e amplio abano de aparataxe aero ... meus ata enviaron 6 avions!!! agora non vaian a prender lume detrás das equipas extintoras... a situación e grave, a fumieira moito maior, xa non e conato precisamente... pasa das 500 hectáreas e claro os mais febles comenzan a sentir un-ha autentica xornada macabra de pánico e lapas!!!