O BNG pide unha avaliación de danos polo lume de Rianxo e esixe axudas reais para os afectados

Ana Pontón pediu plans de restauración e apoio ás comunidades de montes, que ven como os investimentos que fixeron nos montes quedan "arrasados" por estes incendios"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este xoves unha avaliación de danos tras o incendio de Rianxo e Dodro, que arrasou máis de 1.160 hectáreas, e esixiu á Xunta "un compromiso claro de que vai haber investimentos para que este lume non signifique unha destrución do patrimonio".

Así, pediu medidas de restauración e axudas ás comunidades de montes, que "durante moito tempo fixeron investimentos e que agora ven como estes investimentos se estragan", porque "é evidente que unha parte desta riqueza quedou arrasada por estes incendios". Para iso, o BNG presentará iniciativas no Parlamento de Galicia.

En declaracións aos medios, incidiu en que aos nacionalistas lles parecía "importante" estar "á beira dos veciños e coñecer de primeira man o incendio" que afectou a Dodro e Rianxo, e que "vén corroborar o grave problema que ten o país". "Quero trasladar todo o afecto aos veciños que sentiron medo e pánico estes días, un recoñecemento a toda a xente que estivo e está a traballar, porque esta vaga de incendios segue adiante e, sobre todo, é importante tomar nota", manifestou.

Pontón incidiu en que "non se pode seguir tropezando na mesma pedra" e advertiu que xa está a haber "demasiados avisos da necesidade de pór en marcha cambios estruturais: en políticas de prevención e ordenación do medio natural".

CONSECUENCIAS DO CAMBIO CLIMÁTICO

Na súa intervención, Pontón advertiu de que se están "vendo as consecuencias do cambio climático". "As vagas de incendios son cada vez maiores e os lumes máis rápidos e difíciles de extinguir", mantivo a tamén deputada, quen apelou a facer unha "reflexión crítica sobre o que se fixo e a necesidade de cambiar un modelo forestal que nin garante rendas de futuro e que está a supor problemas desde o punto de vista do medio ambiente".

Pontón tamén reclamou un "compromiso" para a "riqueza" de Galicia en todo ao que se refire ao seu monte. "Non pode ser que un modelo equivocado, ao servizo de grandes empresas estea a converter a riqueza no maior problema ambiental que temos, que son os incendios", sinalou.

A dirixente nacionalista subliñou que se trata dun debate que "hai que abrir neste país", porque "cada vez vai máis aló". "Levamos vivindo varias vagas de incendios e temos que aprender a preservar a riqueza cultural e do monte e a vida das persoas", sentenciou.

Rural.- O BNG pide unha avaliación de danos polo incendio de Rianxo e esixe a. BNG
Rural.- O BNG pide unha avaliación de danos polo incendio de Rianxo e esixe a. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta