Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/04/2019 | Actualizada ás 21:45
A vaga de incendios do outono de 2017 que cobrou a vida de 45 persoas en Portugal e de catro en Galicia, ademais de centos de feridos e familias damnificadas que perderon vivendas, terreos, animais, vehículos…, puxo de manifesto o gran reto dos medios de comunicación de ofrecer información inmediata e de calidade en situacións catastróficas como aquela. Un estudo sobre a cobertura que fixo La Voz de Galicia afirma que o xornal coruñés practicou o sensacionalismo e politizou as informacións para favorecer o Goberno do PP na Xunta.
O traballo, asinado por investigadores das facultades de Filosofia y Letras, e Ciencias Sociales, Jurídicas y de la Comunicación da Universidad de Valladolid, sostén que La Voz “antepuxo o uso de fontes gobernamentais e un único punto de vista” para informar aos galegos do que acontecía.
As conclusións extraéronse tras realizar unha análise das pezas informativas publicadas entre o 13 e o 23 de outubro do 2017 na edición dixital do xornal da Coruña, comparadas coas que se publicaron en El País sobre aquela catástrofe. Os autores –Natalia Delgado Arango e Miguel Vicente Mariño– sosteñen que El País proporcionou unha “información máis equilibrada en canto a temas e enfoques”, mentres que La Voz de Galicia “se inclinou, con maior frecuencia, por un encadre de interese humano”.
Sobre a liña editorial, os investigadores sinalan que houbo unha “politización de asuntos como a asignación de responsabilidades” e destacan que mentres El País optou por un “contido xornalístico máis profundo”, La Voz de Galicia fíxoo por outro “máis superficial con tendencia ao sensacionalismo”.
Máis detalladamente, explican que a tendencia ideolóxica do diario galego foi “notoria”, tendo en conta o “predominio de fontes gobernamentais e oficiais, así como as características do contido da información”, no que “se resaltan as accións do Executivo [galego] para combater os lumes e atender os afectados”, ao tempo que se puña “maior énfase na culpabilidade de terceiros”. Unha tendencia partidista lóxica, se se ten en conta, como salientan os autores, que La Voz de Galicia se caracteriza por “priorizar unha liña editorial próxima ao partido do Goberno (Partido Popular)”.
Polo tanto, existiu unha “politización da información sobre incendios forestais”, conclúese no estudo.
Os investigadores tamén subliñan a “présa comunicativa” que tivo La Voz para informar do que acontecía, o cal “se reflicte nas publicacións dos primeiros días do acontecemento, dado que se deduce unha saturación dalgúns asuntos e escasa presenza doutros, así como o predominio dun só punto de vista e unha única fonte, que adoita ser do Goberno, de entidades oficiais ou unha testemuña”.
Os resultados publícanse na Revista Española de Comunicación en Salud – editada por la Asociación Española de Comunicación en Salud (AECS) y la Universidad Carlos III de Madrid–, nun estudo titulado ‘La cobertura periodística de los incendios forestales en la prensa digital de España: el caso de Galicia’
En total, analizáronse 204 unidades informativas e 68 variables relacionadas co proceso de selección da información e o proceso de creación xornalística, como o número de fontes utilizadas, a visión do medio, o xénero xornalístico, a proximidade dos feitos, as características dos implicados, a presenza de causas, antecedentes e consecuencias; o enfoque, seguimento, o estilo narrativo e a orixe da información. Neste traballo preséntanse os achados más significativos para as seguintes variables: cantidade de unidades xornalísticas, número de fontes, puntos de vista, tipo de fontes, factor humano, pauta, relevancia do medio ambiente, enfoque, elementos contextuais, nivel narrativo e ton emocional
OUTRO ESTUDO CONFIRMA O SENSACIONALISMO NA PRENSA GALEGA
Os resultados deste estudo están na mesma liña que os acadados por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Internacional de La Rioja noutro estudo do que informou GC no que seafirma que tanto La Voz de Galicia como Faro de Vigo incorreron en sensacionalismo na cobertura da gran vaga de incendios que calcinou case 50.000 hectáreas e causou catro mortos en outubro de 2017, ao ofrecer detalles da vida privada das vítimas.
É na difusión de datos privados irrelevantes sobre as vítimas onde os investigadores comprobaron que os dous xornais galegos —La Voz e Faro— incumpren as normas éticas. En xeral, no conxunto de medios analizados, observaron "dúas liñas de actuación ben diferenciadas". Por unha banda, a liña que seguiron Público, Jornal de Notícias (Portugal), El País e El Mundo, "consistente en ofrecer datos moi xenéricos, limitándose a sinalar o número de falecidos e, nalgunhas ocasións, idade e lugar".
"A outra cara da moeda represéntana La Voz de Galicia e Faro de Vigo, que si incorren no sensacionalismo ao ofrecer máis detalles da vida privada dos falecidos como o número de fillos ou mesmo onde veraneaban as vítimas", censuran os autores desta investigación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.