En Marea, PSdeG e BNG piden a dimisión de Baltar despois da anulación do concurso de persoal

O líder de Democracia Orensada, Pérez Jácome considera que debe ser "o pobo" o que o retire do cargo nas próximas municipais de maio.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 04/04/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

En Marea, PSdeG e BNG esixiron a dimisión do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso da institución provincial contra a sentenza do Tribunal Superior de  Xustiza de Galicia (TSXG) que confirmaba a anulación dun concurso interno desta institución do ano 2016 que contemplaba a ocupación de 69 postos de traballo. Un fallo que Democracia Orensana ve "intolerable".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nunha entrevista. DIPUTACIÓN DE OURENSE - Arquivo
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nunha entrevista. DIPUTACIÓN DE OURENSE - Arquivo

Tras coñecerse este fallo, o portavoz de En Marea, Luís  Villares, definiu este caso como "outra vergoña" en "termos democráticos" que debería levar a Manuel Baltar á "dimisión". "En democracia non hai sitio para a corrupción", manifestou.

E é que, para Luís  Villares, "a corrupción non significa que alguén teña que acabar en prisión, senón que tamén é este tipo de actuacións na vía administrativa". "Porque hai que saber distinguir as responsabilidades penais das políticas", sinalou.

Pola súa banda, os socialistas ourensáns emitiron un comunicado no que esixen a dimisión de Baltar despois de que o Supremo confirmase o que cualifican de "trama para colocar os seus  amiguetes" nos mellores postos da Deputación. Todo iso "incumprindo manifestamente a lei e os principios constitucionais que deben dirixir os procesos selectivos públicos", indicaron.

O PSOE advertiu das responsabilidades penais que poden derivar destas "accións ilegais confirmadas polo alto tribunal do Estado" que non admitiu o recurso presentado polo goberno provincial co que se pretendía "xustificar unha  mandanga máis da familia Baltar", á que acusou de "ter secuestrada a institución desde hai case tres décadas".

"Que deixe de facer piruetas ilegais con diñeiro público e enchufes masivos ante un novo caso de caciquismo  baltarista de compra de vontades e veto de aspirantes", esixiron os socialistas no seu comunicado.

POSTURA DO BNG

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas lamentou esta nova sentenza que deixa ver que "non hai diferenzas" entre a "práctica caciquil de Baltar pai" e a de "Baltar fillo".

Así, acusou ao presidente provincial de utilizar de forma " espuria" a institución para "colocar a afíns do Partido Popular" e preguntouse o "custo" que esta actuación pode  acarrar ás arcas públicas.

Por iso, esixiu que o presidente da Deputación compareza e emprazouno a "abonar do seu propio peto" o custo que este fallo poida carrexar. "Os ourensáns non teñen que pagar as prácticas caciquís do PP", manifestou.

Ademais, lembrou que o Bloque esixe "permanentemente os 365 días do ano" a dimisión do presidente provincial. "É intolerable que un señor que acosou  sexualmente continúe sendo presidente, independentemente da evolución xudicial do seu caso, escoitámolo nas gravacións que se fixeron", manifestou.

DEMOCRACIA ORENSANA

Pola súa banda, o portavoz de Democracia Orensana, Gonzalo Pérez  Jácome, cualificou de "intolerable" a anulación deste concurso interno do ano 2016 que contemplaba a ocupación de 69 postos de traballo.

Así mesmo, considerou que a xustiza é o "baremo" que lle di ao presidente provincial, Manuel Baltar, que "todo o que fai, faino mal".

Con todo, rexeitou pedir a dimisión do presidente provincial ao considerar que dada a proximidade das eleccións municipais do 26 de maio debe ser "o pobo quen o faga dimitir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta