Temas: CERCEDA

A Audiencia da Coruña anula a condena ao alcalde de Cerceda e ordena repetir o xuízo

A defensa expuxo a nulidade ao entender que se vulnerou o dereito a "un xuíz imparcial".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/04/2019 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia coruñesa anulou a condena ao alcalde de Cerceda, José García Liñares, a ano e medio de prisión e 16 anos de inhabilitación, como autor dun delito de prevaricación e coautor doutro delito de fraude á administración, que lle impuxo o titular do Xulgado do Penal número 2 da Coruña, o xuíz José Antonio Vázquez Taín.

José García Liñares.
José García Liñares.

Así o informou o letrado que levou a defensa do rexedor, Ulises Bértolo. En concreto, explicou que o fallo, firme, "considera vulnerado o dereito a un xuíz imparcial" polo que atende á petición de nulidade exposta por esta parte e determina a obriga de celebrar un novo xuízo.

Esta decisión, segundo confirmou o letrado tamén, permitirá ao alcalde --que se dixo de baixa no PSOE tras a súa imputación, pero que continuou como deputado provincial e responsable de Deportes ata a súa condena-- concorrer aos comicios municipais do próximo 26 de maio.

Sobre a sentenza, da que o avogado tivo coñecemento este martes, sinalou tamén que provoca "que desde hoxe mesmo non haxa ningunha condena sobre el", expuxo sobre o seu cliente. A anulación da condena esténdese tamén ao arquitecto municipal Antonio José Varela Mallo, condenado como cooperador necesario dun delito de prevaricación e outro de fraude á administración.

ARGUMENTOS DA DEFENSA

O letrado remarcou tamén que "en todos os anos" da súa actividade profesional nunca expuxera a nulidade "por vulneración do dereito a que o xuíz sexa imparcial".

A este argumento, a defensa sumou tamén "a vulneración do principio acusatorio". "Porque os feitos polos que se chegou a xuízo non poden variarse e entendemos que si se variaran e a sentenza tamén se fai eco disto", engadiu.

A condena do Xulgado do Penal número 2 da Coruña tivo a súa orixe nunha denuncia do PP por supostas irregularidades no procedemento seguido para a adxudicación e contratación das lagoas do parque botánico do Acevedo e para unhas obras de drenaxe para evitar que a auga alagase unha senda.

O xuíz Vázquez Taín considerou probado que houbo unha adxudicación das obras, por un proxecto que se encargou desde o concello en 2011 e que foi inaugurado en 2015, "de forma irregular e arbitraria, sen seguir o procedemento legal". "A intención era terminar as obras no menor tempo posible e polas empresas que había previamente elixidas", sostiña o fallo.

Deste xuízo, a sentenza da Audiencia da Coruña sinala, entre outras cuestións, que "se observa que o desenvolvemento do plenario presenta episodios que non son propios dunha normal dirección dos debates, na medida en que os comentarios sobre a forma da proba ou o seu contido son alleos á dirección do debate e comprometen a imparcialidade xudicial".

Temas: CERCEDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta