Galicia, clave para salvar unha poboación única de toniñas, especie ameazada

Punta Candieira (Cedeira), os cabos de Vilán (Camariñas) e Touriñán (Muxía), Punta dos Remedios (Lira) e Faro de Corrubedo son os espazos con maior presenza deste cetáceo, para os que os científicos piden protección especial. A toniña podería desaparecer das augas de Galicia nun par de décadas se non se fai nada.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/04/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Galicia podería converterse nun paraíso para as toniñas (Phocoena phocoena), clasificadas como especie vulnerable en España. Así o resolve unha tese doutoral que foi defendida na Universidade de Aveiro (Portugal), na que se examinou a estrutura poboacional das toniñas do nordés Atlántico e Mar Negro. 

Exemplar de toniña
Exemplar de toniña | Fonte: Marcus Wernicke.

“Galicia parece ser unha das zonas clave na Península Ibérica, xunto probablemente co Golfo de Cádiz” para a conservación desta especie, con “catro localizacións cunha particular presenza de toniñas”: Punta Candieira (Cedeira), os cabos de Vilán (Camariñas) e Touriñán (Muxía), Punta dos Remedios (Lira) e Faro de Corrubedo.

O estudo da poboación de toniñas converteuse nunha cuestión prioritaria para a comunidade científica e tanto a Comisión Baleeira Internacional como o Consello Internacional para a Exploración do Mar recomendan estudos que determinen a estrutura poboacional da especie e que se desenvolva unha xestión apropiada para reducir os impactos negativos sobre a poboación das toniñas. Ademais, nalgúns Estados membros da Unión Europea, a distribución, abundancia e dinámica poboacional dos cetáceos considéranse indicadores do estado ambiental das augas mariñas.

Ángela Llavona Vallina, autora do estudo, examinou a estrutura poboacional das toniñas do nordés Atlántico e Mar Negro. E identificou tres grupos principais: un na Península Ibérica, outro que ocupa o resto do Atlántico nordés, e un terceiro xeneticamente distinto no mar Negro.

As análises indicaron un illamento da poboación de toniñas do mar Exeo, Mármara e Negro. Pero non se atoparon diferenzas entre as poboacións de Galicia e Portugal. Si se evidenciaron diferenzas entre as toniñas que habitan en augas da Península ibérica e o resto das poboacións estudadas, converténdoas nunha poboación singular.

En xeral, os datos xenéticos suxiren que os exemplares da Península Ibérica deberían ser considerados unha poboación separada.

Os resultados, segundo a autora, apoian a recomendación da definición da Península Ibérica como unha unidade de xestión da toniña separada para a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña da Unión Europea e a definición dunha terceira especie, Phocoena  phocoena meridionalis.

Os resultados mostran evidencias da ausencia dunha estrutura xenética poboacional das toniñas na costa noroccidental peninsular e un claro illamento desta poboación con outras do nordés atlántico e do Mar Negro, cunha influencia importante das características oceánicas predominantes como as correntes e o upwelling (afloramento de augas profundas).

A análise das observacións mostran que houbo un aumento do número de avistamentos ao longo dos anos. Así mesmo, houbo un aumento no número de avistamentos ao final do día, e o número de avistamentos aumentou cara ao norte, con máis deteccións nas provincias de Lugo e A Coruña.

As variables ambientais tamén pareceron afectar a distribución das toniñas: detectáronse máis exemplares en augas coa profundidade da zona eutrófica maior, zonas de profundidade máis variable, pendente do fondo mariño maior e plataforma continental máis estreita.

VARAMENTOS

Analizáronse tamén os datos de varamentos rexistrados entre 1990 a 2013 pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) en Galicia, e de 2000 a 2013 pola Sociedade Portuguesa de Vida Selvagem. Rexistráronse un total de 424 varamentos de toniñas.

Os resultados mostraron que estes varamentos ocorren ao longo de todo o ano, pero con diferenzas. O maior número de varamentos rexistrado en Galicia foi en 1998 e en Portugal, en 2011. Tamén se detectaron diferenzas entre meses. En Galicia, os varamentos foron máis comúns no inverno e primavera, cun pico en marzo e abril, e en Portugal detectouse o pico en maio.

Ao analizar conxuntamente os datos de ambas as zonas, o número de varamentos é maior no inverno que no verán. Constatouse ademais un aumento de toniñas varadas do norte ao sur.

“Tanto os avistamentos como os varamentos mostraron que as toniñas están presentes na  area todo o ano con variacións no número de avistamentos entre anos, meses e subáreas, o que nos leva a pensar que se deben mover entre zonas”, apunta a científica.

A lonxitude total do corpo destes exemplares varados variou entre 81 e 202 centímetros, cunha lonxitude media de 146,66, sendo as toniñas portuguesas maiores que as galegas, e as femias máis grandes que os machos.

En total, un 33.4% das toniñas varadas tiñan signos de captura accidental, cunha maior proporción nas costas portuguesas (56%) que nas galegas (26,2%), o que, segundo a investigadora, podería ser debido ás artes de pesca usadas en cada zona polos mariñeiros.

En calquera caso, di, “en ambas as áreas (Galicia e Portugal) a mortalidade por captura accidental é insustentable”, aínda que matiza que a captura accidental non é a única ameaza para esta especie polo que “é básico levar a cabo máis estudos para aumentar o coñecemento das toniñas ibéricas e apoiar a súa conservación”.

A investigadora alerta de que a captura accidental é “unha das principais ameazas para os pequenos cetáceos, especialmente toniñas, e é preocupante nunha zona de gran presión pesqueira como a noroccidental peninsular”.

Por todo isto, considera que “as zonas de protección non poden ser estacionais, ao estar a especie presente ao longo de todo o ano”, e sinala Galicia como “unha das zonas claves na Península Ibérica, xunto probablemente co Golfo de Cádiz”, como refuxio das toniñas.

PERIGO DE EXTINCIÓN EN AUGAS GALEGAS

A toniña é a especie de cetáceo de menor tamaño de todas as que están presentes no Hemisferio Norte. Na costa atlántica oriental distribúese dende as augas circumpolares (Mar de Barents), ata a costa senegalesa africana. No Mediterráneo está considerada extinguida. A poboación que está presente nas augas da península Ibérica resulta de especial singularidade.

En Galicia, rexístrase no 5% dos varamentos de cetáceos, e as observacións da especie non chegan ao 10% dos avistamentos totais. Con todo, a costa de Galicia é unha área fundamental para a conservación da especie, pois aquí rexístranse o 80% dos varamentos e o 90% dos avistamentos da especie en toda a costa española.

A CEMMA considera "unha materia pendente e urxente" a conservación desta especie, incluída no Anexo II da Directiva Hábitat como especie prioritaria. O Real Decreto 139/2011, de 4 de febreiro, desenvolve o Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial e o Catálogo Español de Especies Amenazadas, no que a toniña se inclúe como vulnerable, o que implica a obriga de ter que poñer en marcha un plan de conservación para a especie.

A nivel galego, a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza supón a trasposición da Directiva Hábitats da CE á lexislación autonómica, e o Decreto 88/2007, polo que se regula o Catalogo Galego de Especies Ameazadas, inclúe tamén á toniña, catalogada como especie vulnerable.

"Non podemos, e sobre todo non debemos, deixar pasar a oportunidade de traballar pola recuperación da toniña, para impedir que entre no escuro catálogo da extinción. Sabemos que cada día que aparece unha toniña varada morta nunha praia estamos máis lonxe de conseguilo, sabemos que vai custar moito poñer en marcha medidas de conservación, mais, ou asuminos como sociedade galega este reto, ou a toniña desaparecerá das nosas augas nun par de décadas", advertiu a CEMMA.

Outro estudo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, confirmou que o tráfico marítimo é unha ameaza real para que a toniña poida regresar ao seu hábitat natural en augas da Península Ibérica.

A comunidade científica considera que as augas de Galicia e Portugal poden ser claves para a conservación da toniña no Atlántico oriental, polo que se facía necesario un debate transfronteirizo para abordar este asunto. É por isto que equipos que estudan os cetáceos en ambos os dous países están traballando xuntos co fin de debater propostas enfocadas a poñer en marcha accións para a conservación desta especie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Non á paila

Pous entón están phodidas as toniñas. Se dependera de Irlanda, UK ou estados similares terían unha oportunidade pero aquí... Antes de que alguén bote a lingua a pacer sen coñecemento, moi propio dun montón de pailáns desta sociedade, suxírolles que investiguen a protección a especies como a robaliza (e outras), en Bretaña, Uk, Irlanda... Mentres no estadiño español permítese o desembarco de 20 tm en plena época de desove (non hai veda para esta especie aquí) por un só barco e con tamaños moi inferiores aos europeos.