A APDR acusa a Xunta de "ver para outro lado" ante as verteduras de Ence á ría de Pontevedra

A asociación acusa de "falta de rigor e de obxectividade" á conselleira de Medio Ambiente, quen asegurou que a planta "non contaminaba".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) culpou a Xunta de Galicia de "ver para outro lado" ante as verteduras que Ence realiza á ría de Pontevedra e mostrou a súa sorpresa ante a "falta de rigor e de obxectividade" das declaracións da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen asegurou que a planta "non contaminaba".

O Goberno apela a 'seguir a lei' coa planta de Ence en Pontevedra, pendente de que resolva a Audiencia Nacional. EUROPA PRESS - Arquivo
O Goberno apela a 'seguir a lei' coa planta de Ence en Pontevedra, pendente de que resolva a Audiencia Nacional. EUROPA PRESS - Arquivo

Así o expresou este colectivo nunha carta aberta dirixida á conselleira, quen transmitiu "un grao de parcialidade na defensa da empresa que di ben pouco dun cargo público que debe representar e defender os dereitos do conxunto da cidadanía fronte ao interese particular dunha empresa privada".

Neste sentido, a APDR remítese a datos que facilita a propia empresa á Xunta para advertir que as verteduras da planta de Lourizán "incumpren os límites fixados" en varias directivas da Unión Europea. "E vostedes seguen mirando para outro lado!", esgrime.

Ademais, alerta das "elevadas cargas de coliformes fecais e outras bacterias" das verteduras, segundo datos recollidos "nas inspeccións que a Xunta realiza" en Lourizán. "Pero claro, para vostede é máis fácil obviar esta realidade", espeta a Vázquez a APDR.

Finalmente, a asociación asegura que "o que está en cuestión hoxe non é se Ence contamina ou non", senón que a empresa "non pode seguir na ría por máis tempo, porque a prórroga concedida por Mariano Rajoy foi ilegal e a súa concesión caducou definitivamente en xullo de 2018".

"Ence ten que abandonar Lourizán e, en toco caso, buscar unha alternativa para trasladarse, asumindo que, de non querer facelo en Galicia, terá que marcharse fóra, por suposto", sentencia o colectivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta