Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 17:38
Un total de 30 axentes do persoal da Policía Local de Pontevedra atópanse de baixa médica, unha circunstancia que ao Concello parécelle "sospeitosa", motivo polo que se dirixiu ao Sergas para que verifique a existencia de todos estes informes de baixa presentados de maneira simultánea nun persoal dun centenar de efectivos.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, sinalou que cre que "estas baixas non están en absoluto xustificadas porque se non é cuestión de facer un estudo de como é posible que haxa esta epidemia". Esta iniciativa coincide tamén coa investigación interna iniciada polo rexedor de Compostela, Martiño Noriega, contra un axente local que acabou sendo detido por presuntos delitos de suborno.
Esta diminución, en case un terzo dos axentes da Policía Local, coincide coa celebración en Pontevedra dos mundiais de tríatlon e as eleccións xerais. A Policía Local mantén un conflito laboral reclamando melloras salariais desde case o inicio do mandato do BNG.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recoñeceu que o "problema" polo que atravesa a Policía Local obrigou a reforzar o dispositivo de Policía Nacional e Garda Civil para que a xornada electoral do domingo transcorra con normalidade. Carme da Silva explicou que "desde o Concello con respecto a esta baixa, por chamarlle algo, absolutamente masiva, van adoptarse as medidas necesarias".
RESPONSABILIDADE
Ademais, a edil nacionalista referiuse a a "responsabilidade" das persoas que traballan na Administración "que non traballan para os gobernos; nin para o municipal, nin para a Xunta, nin para o Estado. Traballan para a cidadanía".
A concelleira de Seguridade Cidadá lembrou que "son funcionarios públicos e teñen o deber de facer o seu traballo coa maior profesionalidade". Finalmente Da Silva recoñeceu a profesionalidade daqueles funcionarios municipais "que cumpren escrupulosamente e moito máis alá co seu traballo" e lamentou que haxa empregados públicos "que prefiren facer outras cousas antes de cumprir co traballo co que os impostos de todas as persoas pagan o seu salario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.