Temas: FRASEOLOXíA

“Volver a auga ó rego”, equivalente, entre outras, ó castelán “volver las aguas a su cauce”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | | 05/05/2019 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

En moitas ocasións en que volve á normalidade, ou ó seu estado inicial, unha situación que se tornara dificultosa, embrollada ou moi complicada, non nos resulta estraño escoitar iso de que *volveron as augas ó seu cauce. Sen embargo, desde o punto e hora que cauce é unha voz espuria ou allea ó galego, podemos deducir que a expresión tampouco é precisamente propia da nosa lingua. Así e todo, en galego si que dispomos de paremias que fornecen ese mesmo contido. Botémoslles un ollo a algunhas delas.

Fonte de auga. GRUP DEFENSA DO TER - Arquivo
Fonte de auga. GRUP DEFENSA DO TER - Arquivo

 

Volver # Regresar las aguas a su cauce

{= Volver á normalidade, ou ó seu estado inicial, unha situación que se tornara dificultosa, embrollada ou moi complicada }

Volver # Tornar a(s) auga(s) ó rego

[E mais tamén]:

Volver # Tornar a(s) cousa(s) ó seu && Volver # Tornar a(s) cousa(s) ó rego

Ex.: Tras un pésimo inicio de temporada, han vuelto las aguas a su cauce y el equipo ya se ha encaramado al primer puesto de la tabla clasificatoria.

Tras un pésimo empezo de temporada, volveu a auga ó regovolveron as augas ó regovolveron as cousas ó seutornou a cousa ó rego e o equipo xa se empoleirou no primeiro posto da táboa clasificatoria.

 

● Tamén:

Volver # Tornar o carro ó seu carril && Volver # Tornar as augas ó (seu) carril && Volver # Tornar as noces ó carabel && Volver # Tornar as cousas ó seu natural

Ex.: Tras un pésimo empezo de temporada, volveu o carro ó seu carriltornaron as augas ó seu carrilvolveron as noces ó carabel e o equipo xa se empoleirou no primeiro posto da táboa clasificatoria.

 

● E mesmo tamén, en certos contextos en que partimos da base de que unha cousa se torceu ou foi a peor:

Enderezarse las cosas

Endereitárense as cousas && Endereitarse o carro

Ex.: Tras un pésimo empezo de temporada, endereitouse o carro e o equipo xa se empoleirou no primeiro posto da táboa clasificatoria.

 

NOTAS:

1. Polo que atangue á voz castelá cauce, presenta nesta lingua, botando man do Diccionario de la Real Academia Española (DRAE), tres acepcións fundamentais:

Cauce (DRAE): 1. m. Lecho de los ríos y arroyos. 2. m. Conducto descubierto o acequia por donde corren las aguas para riegos u otros usos. 3. m. Conducto, medio, o procedimiento para algo. Buscaron nuevos cauces de entendimiento.

Pero, ¿que formas temos en galego, para dar conta deses mesmos conceptos? Pois basicamente as seguintes:

▪ Para a acepción 1: leito. Tamén: madre, álveo.

▪ Para a acepción 2: canle. Tamén, en liñas xerais: [para unha gabia feita co fin de conducir a auga] cal, quenlla, caldeira, calexa; [para un leito artificial de maior caudal cós casos anteriores] canal.

▪ Para a acepción 3: canle, vía, conduto (e mesmo entendemos que tamén, inda que a día de hoxe non se recolla no DRAG: canal). Tamén, en certos contextos: trámite, circuíto.

2. En relación coa expresión endereitarse o carro, tirada do Diccionario enciclopédico gallego castellano de Eladio Rodríguez, tamén presenta a súa correspondente paremia antónima, recollida nesa mesma obra: torcerse o carro. Ex.:

Ex.:—¿Cómo le fue lo de la licitación de la obra? —Pues creo que las cosas se le complicaron/torcieron y que al final se quedó sin la concesión

—¿Como lle foi o da licitación da obra? —Pois creo que se lle torceu o carroque as cousas se lle complicaron/torceron e que ó último quedou sen concesión.

3. Velaquí un pequeno repaso a léxico que aparece neste artigo e que se callar resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (de tirarmos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Empoleirar (DRAG): ►PARA TODAS AS ACEPCIÓNS, ANTÓNIMO: DESAPOLEIRAR(SE) verbo pronominal 1. [Galiña] subir ao poleiro. As galiñas empoléiranse cando van durmir. Sinón.: apoleirarse. 2. [Persoa, animal] pórse nun sitio alto. Empoleirouse unha cegoña no alto do campanario. // verbo transitivo 3. Pór [unha persoa ou animal] nun sitio alto. Empoleirou o neno sobre os ombreiros para que vise mellor.

Carabel (DRAG): substantivo masculino ►FORMA MÁIS RECOMENDABLE: CARABELO.

Carabelo (DRAG): substantivo masculino Pequena cesta con asa, feita con vergas ou varas tecidas. Ía para a leira co carabelo do xantar na cabeza. ►FORMA MENOS RECOMENDABLE: CARABEL.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús (Coord.): “Diccionario de Fraseoloxía Galega. Estado actual dos fondos e dos traballos”. Nas Actas do I Coloquio galego de Fraseoloxía (1997), páxs. 289-311. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta