Galicia, á cola no aumento da obra pública

Son 271,49 millóns ata marzo, un 5,1% do total licitado no conxunto estatal, segundo as construtoras.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/05/2019 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A licitación de obra por parte das administracións públicas alcanzou os 271,49 millóns de euros no primeiro trimestre do ano en Galicia, un 2% máis que o mesmo período de 2018, segundo os datos da patronal de grandes construtoras e concesionarias Seopan.

É o menor incremento por comunidades, lonxe do 488,2% de aumento en Murcia e o 123,5% en Canarias, aínda que hai catro autonomías que rexistran descensos (A Rioxa, Castela e León, Comunidade de Madrid e Valencia).

Deste montante (271,49 millóns licitados en Galicia de xaneiro a marzo de 2019, un 5,1% do total estatal), a Xunta licitou obra pública por valor de 127,69 millóns, repartidos entre os 91,44 de marzo, 27,66 en febreiro e 8,58 en xaneiro.

Son datos, os da Administración autonómica, uns 20,8% superiores aos do mesmo período do exercicio anterior. Ademais, nun ano (comparando o período de abril de 2017 a marzo de 2018 co que vai de abril de 2018 a marzo de 2019), a variación da licitación da Xunta supón un incremento do 25,7%, ao pasar de 285,36 a 358,66 millóns.

No conxunto estatal, a licitación de obra por parte das administracións públicas alcanzou os 5.318,67 millóns de euros no primeiro trimestre do ano, un 23,3% máis que no mesmo período de 2018, grazas ao impulso dos proxectos do AVE e o calendario de citas electorais.

ARRINCA Á ALZA

A obra pública arrinca así o exercicio á alza, despois de que en 2018 pechase no seu volume máximo do últimos oito anos, segundo datos da patronal de grandes construtoras e concesionarias Seopan. O Ministerio de Fomento, primeiro órgano investidor da Administración central, lanzou obras por 1.676,1 millóns de euros entre xaneiro e marzo.

Este importe supón máis que duplicar (+143%) o dun ano antes, grazas ao incremento dos traballos do AVE e a pesar de non ter aprobado o Orzamento. A licitación de proxectos de ferrocarril de Alta Velocidade multiplicouse por máis de tres (+251%), ata supor 837,92 millóns de euros, e representou a metade de toda a obra promovida polo Departamento que dirixe José Luís Ábalos.

No entanto, Fomento tamén disparou, un 52,6%, o investimento en obras de estradas, que supuxo 353,4 millóns. A licitación de proxectos en portos creceu un 49%, ata os 154,4 millóns, aínda que este caso os traballos custéanos as autoridades portuarias e non se realizan con cargo aos Orzamentos.

O mesmo ocorre cos proxectos aeroportuarios, que tamén se dispararon un 80,5%, ata os 155,22 millóns de euros. Desta forma, o Ministerio copou case unha terceira parte (o 31,5%) da licitación total de obra pública en todo o país, lixeiramente por detrás de comunidades autónomas e concellos.

CC.AA. E CONCELLOS.

En canto aos gobernos autonómicos, lanzaron en conxunto proxectos por 1.609,38 millóns de euros no trimestre, importe que supón aumentar un 1,8% o dun ano antes. Andalucía liderou a promoción de obras do tres primeiros meses, ao sacar a concurso proxectos por 366 millóns, un 14% máis, por diante de Canarias, que sumou proxectos por 348 millóns, case sete veces máis que un ano antes grazas ao lanzamento dun plan de estradas.

Despois situáronse Cataluña, con 182 millóns, cun aumento do 55%; Madrid, con 146,20 millóns, un 63% menos, e Galicia, con 127,6 millóns (+20,8%). No caso das administracións locais (concellos, deputacións e cabidos) sitúanse a peche de marzo como principal promotores de obra pública do país ao licitar proxectos de obras de construción por 1.862 millóns de euros, o 35% do total estatal, a pesar de que supón unha redución do 1,4% na súa comparación ao ano anterior.

Galicia, á cola da obra pública
Galicia, á cola da obra pública

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta