Por Galicia Confidencial | Santiago | 03/01/2012 | Actualizada ás 01:09
Primeiro foi Diagonal quen, a mediados de outubro, presentaba a súa edición en galego grazas a un equipo de tradución conformado por varios colaboradores galegos deste medio estatal. Ao longo dos últimos meses, Diagonal estivo presentando este proxecto e procurando respaldo social e colaboradores co obxectivo de consolidar un espazo en galego deste dixital.
Dúas semanas despois, a finais de outubro, a revista mensual Tempos Novos sacaba unha nova versión dixital coma "complemento" da revista pero con contidos propios. “É un xornalismo de interpretación e análise da actualidade e do día a día", comentaba a GC, Denís Fernández, un dos seus coordinadores. Desde entón, temposdixital.com tense actualizado diariamente con información de actualidade.
Pero, á marxe destes dous proxectos, será neste 2012 onde fructifiquen outros proxectos xornalísticos que levan tempo xestandose; Sermos Galiza, Praza Pública, Dioivo e un novo medio que están impulsando ex traballadores de Xornal de Galicia.
Sermos Galiza
Ata o momento, os máis avanzados son os proxectos de Sermos Galiza e Praza Pública. Precisamente, Sermos Galiza (SG), plataforma nacionalista para crear un dixital e un semanario en papel, acaba de anunciar que logrou xuntar os 300.000 euros que se marcou como mínimo para botar a funcionar un novo grupo mediático.
“O próximo día 11, o grupo promotor reunirase para executar quizais as derradeiras decisións como tal, antes de rexistrarmos todo perante a notaría”, explican nun comunicado.
A CIG inviste en Sermos Galiza
SG afirma contar con 750 accionistas, o que significa unha media de 400 euros de investimento por accionista. Entre os colectivos que decidiron investir no novo medio de comunicación está o sindicato nacionalista CIG.
A central que dirixe Suso Seixo explica que “a Executiva Confederal da CIG acordou apoiar este proxecto de comunicación que considera imprescindíbel para defender os nosos dereitos sociais e nacionais”. Para prever dependencias, ninguén puido mercar máis do 10% de SG. Outros colectivos próximos ao BNG tamén se sumaron á Sermos Galiza, cuxa data de saída aínda se descoñece.
Cando naceu, a iniciativa pretendía saír en 2011, pero o grupo de promotores explica agora que están traballando na “a constitución da sociedade, a contratación de profesionais e as últimas decisións sobre deseño do medio que culminen o traballo iniciado”. O seu obxectivo é lanzar un semanario –na liña do desaparecido A Nosa Terra— e un xornal dixital. Sen embargo, polo momento, aínda non comprometeron unha data de saída. Primeiro teñen que definir o medio e, logo, buscar aos profesionais para levalo a cabo.
Praza Pública
Quen vai máis avanzado é Praza Pública, outro proxecto xornalístico que foi presentado ao longo dos últimos meses e que, segundo os seus promotores, conta con ver a luz antes de que acabe o mes
Praza Pública nace co obxectivo de ser un xornal “aberto e plural” e converterse no “Público ou en El País galego”, tal e como suliñou Marcos Pérez Pena, o seu director, durante a presentación do proxecto en Compostela. O xornal quere comprometer aos lectores coa súa liña informativa e tamén no enfoque. Por iso, incidirán nas noticias en profundidade e na análise informativa. Conta cun equipo de dous xornalistas que coordinará Perez Pena. O xornal, terá, ademais, numerosas colaboracións.
Sen embargo, e a diferencia de SG, Praza Pública nace sen un orzamento pechado. Precisamente, ao longo dos últimos meses, os seus impulsores estiveron recaudando cartos, a través de donacións, para financiar a fundación que sustentará o novo xornal.
Os dous, SG e Praza Pública, salientan o seu carácter compremetido co país pero independente. Con todo, as dúas iniciativas están organizadas por persoeiros próximos ao nacionalismo. No caso de Sermos Galiza, entre os promotores hai numerosos militantes de varias correntes do Bloque, sobre todo da maioritaria UPG, e no caso de Praza Pública, un dos seus editores é Filipe Díez, ex-militante de Máis Galiza e do BNG.
Dioivo
En 2012 tamén xurdirá outro proxecto xornalístico de corte cultural, aínda que tentará abranguer máis áreas da actualidade. Trátase de Dioivo, un medio que xa lanzou dous interesantes vídeos promocionais.
Detrás de Dioivo están un grupo de xornalistas dos desaparecidos Galicia Hoxe e Xornal de Galicia e que teñen como lema de “contar e contrariar”. “A cultura será unha prioridade no proxecto, porque é un campo que quedou bastante desatentido nos medios e porque cadra que varios dos que estamos nel, estamos "especializados" en cultura”, apunta unha integrante deste proxecto a GC.
De todos xeitos, en Dioivo tamén haberá política, economía, sociedade ou deportes. “E non será unha empresa, senón, polo menos en principio, unha asociación cultural”, apuntan. “Funcionará como o GC no sentido de que haberá un núcleo de xente que o poña en marcha e despois moitos colaboradores”, asegura.
Sen embargo, Dioivo non nace co obxectivo de “tentar competir dando as noticias antes, porque é imposible”.”A idea é facer textos interpretativos, análise, noticia, entrevista... Tampouco sen chegar ao grao de profundidade de Tempos Novos, por exemplo”, asegura.
Coa experiencia de Xornal
Finalmente, e logo da experiencia recollida no Xornal de Galicia, varios xornalistas deste medio xa desaparecido tamén están tentado sacar adiante un novo proxecto dixital impulsado por quen foi subdirector do Xornal, Xabier Blanco.
Nun primeiro momento, o proxecto pretendía ser un xornal dixital ao uso e xestionarse a través dunha cooperativa de xornalistas. Pero a idea inicial non foi adiante. Sen embargo, Blanco asegura que o futuro medio “será moi novidoso” e completará o panorama informativo galego, “con boas propostas agora mesmo no forno”.“Non será un xornal ao uso, como foi Xornal.com, xa que logo de debullar varias propostas imos apostar por algo que non existe nin en Galicia nin no Estado”, asegura a GC. “Estamos a cociñar a proposta e pretendemos caer na rede este ano”, indica ao tempo que incide que detrás do proxecto “só hai xornalistas”
Ante algúns rumores que xurdiron nas últimas semanas, Blanco suliña que detrás deste proxecto, e a diferencia doutros, “non está nin un partido político nin un grupo empresarial como se está a dicir. Temos as mans libres e pretendemos seguir así”. Tamén quere deixar claro que o futuro medio que se está a cociñar “non ten nada que ver con Praza Pública”, a pesar de que nese medio traballarán tamén ex xornalistas de Xornal.
O equipo de GC deséxalles aos catro novos medios a mellor das sortes na súa próxima botadura.
Unha información de X.S. e W.B.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.