O xornalismo galego reinvéntase en 2012

2011 foi o ano do peche de Galicia Hoxe e Xornal. Antes pecharan ANT, Vieiros e A Peneira. Pero neste 2012 nacerán até 4 novas iniciativas de comunicación integramente en galego. Sermos Galiza, Praza Pública ou Dioivo son algúns dos exemplos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 03/01/2012 | Actualizada ás 01:09

Comparte esta noticia

Primeiro foi Diagonal quen, a mediados de outubro, presentaba a súa edición en galego grazas a un equipo de tradución conformado por varios colaboradores galegos deste medio estatal. Ao longo dos últimos meses, Diagonal estivo presentando este proxecto e procurando respaldo social e colaboradores co obxectivo de consolidar un espazo en galego deste dixital.

None

Dúas semanas despois, a finais de outubro, a revista mensual Tempos Novos sacaba unha nova versión dixital coma "complemento" da revista pero con contidos propios. “É un xornalismo de interpretación e análise da actualidade e do día a día", comentaba a GC, Denís Fernández, un dos seus coordinadores. Desde entón, temposdixital.com tense actualizado diariamente con información de actualidade.

Pero, á marxe destes dous proxectos, será neste 2012 onde fructifiquen outros proxectos xornalísticos que levan tempo xestandose; Sermos Galiza, Praza Pública, Dioivo e un novo medio que están impulsando ex traballadores de Xornal de Galicia.

Sermos Galiza

Ata o momento, os máis avanzados son os proxectos de Sermos Galiza e Praza Pública. Precisamente, Sermos Galiza (SG),  plataforma nacionalista para crear un dixital e un semanario en papel, acaba de anunciar que logrou xuntar os 300.000 euros que se marcou como mínimo para botar a funcionar un novo grupo mediático.

“O próximo día 11, o grupo promotor reunirase para executar quizais as derradeiras decisións como tal, antes de rexistrarmos todo perante a notaría”, explican nun comunicado.

A CIG inviste en Sermos Galiza

SG afirma contar con 750 accionistas,  o que significa unha media de 400 euros de investimento por accionista. Entre os colectivos que decidiron investir no novo medio de comunicación está o sindicato nacionalista CIG.

A central que dirixe Suso Seixo explica que “a Executiva Confederal da CIG acordou apoiar este proxecto de comunicación que considera imprescindíbel para defender os nosos dereitos sociais e nacionais”. Para prever dependencias, ninguén puido mercar máis do 10% de SG. Outros colectivos próximos ao BNG tamén se sumaron á Sermos Galiza, cuxa data de saída aínda se descoñece. 

Cando naceu, a iniciativa pretendía saír en 2011, pero o grupo de promotores explica agora que están traballando na “a constitución da sociedade, a contratación de profesionais e as últimas decisións sobre deseño do medio que culminen o traballo iniciado”. O seu obxectivo é lanzar un semanario –na liña do desaparecido A Nosa Terra— e un xornal dixital. Sen embargo, polo momento, aínda non comprometeron unha data de saída. Primeiro teñen que definir o medio e, logo, buscar aos profesionais para levalo a cabo.

Praza Pública

Quen vai máis avanzado é Praza Pública, outro proxecto xornalístico que foi presentado ao longo dos últimos meses e que, segundo os seus promotores, conta con ver a luz antes de que acabe o mes

Praza Pública nace co obxectivo de ser un xornal “aberto e plural” e converterse no “Público ou en El País galego”, tal e como suliñou Marcos Pérez Pena, o seu director, durante a presentación do proxecto en Compostela. O xornal quere comprometer aos lectores coa súa liña informativa e tamén no enfoque. Por iso, incidirán nas noticias en profundidade e na análise informativa. Conta cun equipo de dous xornalistas que coordinará Perez Pena. O xornal, terá, ademais, numerosas colaboracións.

Sen embargo, e a diferencia de SG, Praza Pública nace sen un orzamento pechado. Precisamente, ao longo dos últimos meses, os seus impulsores estiveron recaudando cartos, a través de donacións, para financiar a fundación que sustentará o novo xornal.  

Os dous, SG e Praza Pública, salientan o seu carácter compremetido co país pero independente. Con todo, as dúas iniciativas están organizadas por persoeiros próximos ao nacionalismo. No caso de Sermos Galiza, entre os promotores hai numerosos militantes de varias correntes do Bloque, sobre todo da maioritaria UPG, e no caso de Praza Pública, un dos seus editores é Filipe Díez, ex-militante de Máis Galiza e do BNG.

Dioivo

En 2012 tamén xurdirá outro proxecto xornalístico de corte cultural, aínda que tentará abranguer máis áreas da actualidade. Trátase de Dioivo, un medio que xa lanzou dous interesantes vídeos promocionais.

Detrás de Dioivo están un grupo de xornalistas dos desaparecidos Galicia Hoxe e Xornal de Galicia e que teñen como lema de “contar e contrariar”.  “A cultura será unha prioridade no proxecto, porque é un campo que quedou bastante desatentido nos medios e porque cadra que varios dos que estamos nel, estamos "especializados" en cultura”, apunta unha integrante deste proxecto a GC.

De todos xeitos, en Dioivo tamén haberá política, economía, sociedade ou deportes. “E non será unha empresa, senón, polo menos en principio, unha asociación cultural”, apuntan. “Funcionará como o GC no sentido de que haberá un núcleo de xente que o poña en marcha e despois moitos colaboradores”, asegura.

Sen embargo, Dioivo non nace co obxectivo de “tentar competir dando as noticias antes, porque é imposible”.”A idea é facer textos interpretativos, análise, noticia, entrevista... Tampouco sen chegar ao grao de profundidade de Tempos Novos, por exemplo”, asegura.

Coa experiencia de Xornal

Finalmente, e logo da experiencia recollida no Xornal de Galicia, varios xornalistas deste medio xa desaparecido tamén están tentado sacar adiante un novo proxecto dixital impulsado por quen foi subdirector do Xornal, Xabier Blanco.

Nun primeiro momento, o proxecto pretendía ser un xornal dixital ao uso e xestionarse a través dunha cooperativa de xornalistas. Pero a idea inicial non foi adiante. Sen embargo, Blanco asegura que o futuro medio “será moi novidoso” e completará o panorama informativo galego, “con boas propostas agora mesmo no forno”.“Non será un xornal ao uso, como foi Xornal.com, xa que logo de debullar varias propostas imos apostar por algo que non existe nin en Galicia nin no Estado”, asegura a GC. “Estamos a cociñar a proposta e pretendemos caer na rede este ano”, indica ao tempo que incide que detrás do proxecto “só hai xornalistas”

Ante algúns rumores que xurdiron nas últimas semanas, Blanco suliña que detrás deste proxecto, e a diferencia doutros, “non está nin un partido político nin un grupo empresarial como se está a dicir. Temos as mans libres e pretendemos seguir así”. Tamén quere deixar claro que o futuro medio que se está a cociñar “non ten nada que ver con Praza Pública”, a pesar de que nese medio traballarán tamén ex xornalistas de Xornal.

O equipo de GC deséxalles aos catro novos medios a mellor das sortes na súa próxima botadura.

Unha información de X.S. e W.B.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 50 comentarios

6 Indignado

Manda caralho que o Praza Público diga que aspira a ser como "El País" ou "Público"! Além de terem a sua referência em Espanha, "El País" do grupo PRISA leva anos sendo um jornal lamentável ao serviço dos poderosos.

1 Bidu

Supoño que toman como referencia eses dous medios pero non en clave española. Só dás para ler literalmente ou só fas unha lectura na clave que che interese, porque eu coñezo moitos nacionalistas dos de "verdade", nacionalistas feténs que che falan dos 6o, da U e de todas esas historias e compran El País pero non compraban ANT. Xa veremos como sae esta Praza Pública, logo falaremos. Que teñan sorte todos os proxectos.

2 artur

E ....os da UPG delacozdegaliciadetodalavida..... (coma se aínda vivise pancho pillado....). Igualiño que en Eushalherria, ché...!

5 rosebud

Grazas pola información GC. Desde logo Praza Pública é para min o proxecto máis agardado, xornal, de esquerdas, galeguista,... desde logo é o que ten mellor pinta. De Sermos Galiza non agardo moito, as plataformas marxistas leninistas entenden por abrirse á sociedade a que cadros do partido creen asociacións civís, no feminismo, no sindicalismo, na ecoloxía, nos media.. obviamente con control por parte deses cadros. Nada novo que non acontecese previamente, nada que solucione o problema de carecer dun mass media con información crítica desde unha perspectiva galega para os galegos.

4 Composteleiro

Sermos Galiza? será "Sermóns Galiza", porque nesa foto salen dous cadros da UPG. Parece unha reedición daquel xornal que sacaran a través de Carrumeiro Media, con Barraza de timonel, ou será a versión mercantil do "Terra e Tempo"? Bueno, agardo que teña leitores, e sobre todo xente que o manteña, ainda que partido dunha esquina ideolóxica dificilmente vai chegar a ser un medio referente para o conxuntos das galegas e galegos. Máis ilusión nos fai a algúns a próxima chegada de Praza Pública, ou polo menos eso xenera a presentación do medio. De todas formas GC seguirá a ser un referente. Porque é o que nos libra hoxe de estar completamente orfos, ademáis de ser o máis plural e aberto de todos os que houbo, se cadra por iso ainda existe.

1 Santiagués

Botar m3rda sobre o traballo dos demais. Eis o deporte nacional galego. Nin billarda nin 0stias.

3 Oink

Bueno... di ti que a seçom em galego de Diagonal meteu três artigos desde setembro...

2 Realista

Só por esta nova, GC merece o apoio de todas e todos, Que medio galego podería ter feito esta nova, mais que GC?, estou certo que ningún. Nin o panfleto de Santiago Rey, nin os outros. GRAZAS por estar ai GC, este vello reino ten unha débeda convosco por serdes o noso oasis no deserto, de onde aínda podemos beber. GRAZAS.