Por Galicia Confidencial | Madrid | 09/01/2012 | Actualizada ás 10:25
Ás 17 horas do domingo GC foi o primeiro medio de comunicación en informar do estado de saúde de Manuel Fraga. Citando fontes do PP e da Xunta, este diario desmentiu o rumor que corría polas redes, nas que varios internautas informaban do rumor da morte do ex-presidente da Xunta e ex-ministro da ditadura fascista.
Con todo, a onda sobre o falecemento de Fraga seguiu engordando até o punto que a popular Wikipedia deu por morto ao político de Vilalba. Na súa versión en español, publicouse o 8 de xaneiro de 2012 como a data do falecemento do antigo ministro de Información e Turismo.
As últimas informacións facilitadas pola familia de Fraga confirman o "leve empeoramento" do ex-líder do PPdeG, doente por mor dunha infección pulmonar que agravouse até converterse en pulmonía. O paciente está a ser atendido na súa casa por unha das súas fillas, aínda que as fontes citadas apuntaron que tivo que visitar o hospital durante a fin de semana.
Biografía
Manuel Fraga Iribarne, nado en novembro de 1922 en Vilalba, Lugo, foi presidente da Xunta de Galicia dende febreiro de 1990 ata o 29 de xullo do 2005. Estudou dereito nas universidades de Santiago de Compostela e na Complutense de Madrid, licenciouse en 1944.
Durante a ditadura franquista, foi ministro de varias carteiras, incluídas Información, Turismo e Interior. Tamén ocupou o cargo de embaixador no Reino Unido. O seu pasado franquista está a ser investigado pola xustiza da Arxentina a través dos datos remitidos pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Unha vez chegada a democracia, liderou a dereita na construción de Alianza Popular, logo Partido Popular, do que é presidente de honra. Tras ser derrotado en varias ocasións polo PSOE de Felipe González, volveu a Galicia, conseguindo catro maiorías absolutas consecutivas nas autonómicas e perdendo os quintos comicios tras a crise do Prestige.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.