A Xunta elimina os 'karaokes' e 'tablaos' flamencos do Catálogo de Espectáculos Públicos

O Goberno adapta o catálogo "ás novas formas de lecer e necesidades actuais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2019 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu este luns a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, onde se presentou e analizou o proxecto de decreto polo que se aproba o Catálogo de Espectáculos Públicos, Actividades Recreativas e Establecementos Abertos ao Público de Galicia, que pretende adaptar a anterior normativa "ás necesidades reais actuais e ás novas formas de lecer".

Tablao flamenco
Tablao flamenco | Fonte: Pixabay.

Segundo explicou o Executivo galego, a finalidade principal deste novo texto é adaptar o anterior catálogo, de 2004, ás novas necesidades e formas de lecer, "asegurando a compatibilidade entre o dereito ao lecer e o dereito ao descanso da cidadanía".

O texto foi elaborado de acordo cos dous grupos de traballo constituídos no ámbito desta Comisión e foi sometido tamén ao trámite de información pública.

"O proxecto de decreto establece unhas disposicións de carácter xeral e inclúe como anexo un Catálogo no que se recollen as diversas tipoloxías de establecementos públicos, espectáculo público e actividades recreativas. Desta forma, dótase tanto aos titulares de establecementos como ás organizacións dun marco normativo estable", explicou a Xunta.

Entre as principais novidades, inclúese a eliminación de figuras como os karaokes ou os tablaos flamencos, "xa que a súa incidencia en Galicia non xustifica unha tipoloxía propia e poden encadrarse noutras xa existentes".

Así mesmo, incorporaranse novas figuras como os espectáculos pirotécnicos, as salas de concertos e os parques multiocio.

"Tamén se establecen os criterios para determinar o aforamento dos establecementos e espazos abertos ao público, e prevese a posibilidade de que nos establecementos póse poida desenvolver máis dun tipo de espectáculo ou actividade compatible entre si", subliñou o Goberno autonómico.

Ademais, especifica o que se entende por espectáculo ou actividade de "escasa entidade" e clarifícanse os espectáculos e actividades de carácter extraordinario, que se desenvolven de forma esporádica, para os que se fixa un límite máximo de seis ao ano.

Os concellos terán un período de dous anos para adaptar as licenzas en vigor a esta nova normativa, de acordo co solicitado pola Federación galega de municipios e provincias (Fegamp).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta