Marea Pontevedra apunta a Praza de Abastos como "motor económico"

Propoñen instalar cortaventos no acceso ao corredor central, filtro solar nos lucernarios da zona de venda do peixe, dotar dunha máquina de fabricación de xeo e dunha consigna de frío no piso inferior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2019 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O candidato de Marea Pontevedra á Alcaldía, Luís Rey, visitou este xoves ao mercado local acompañado de Teresa Casal e Celia Abal, integrantes da súa candidatura, onde trasladou a aposta da súa formación por potenciar a Praza de Abastos como "motor económico".

Pontevedra
Pontevedra | Fonte: guiategalicia.com

As propostas de Marea Pontevedra para revitalizar o Mercado e axudar á reactivación económica, comercial "e mesmo residencial" da Zona Monumental baséanse en recuperar a xestión pública do piso superior da praza de abastos en incrementar o número de empregados públicos e adecuar o contrato de limpeza ás necesidades do mercado.

Tamén propoñen instalar cortaventos no acceso ao corredor central, filtro solar nos lucernarios da zona de venda do peixe, dotar dunha máquina de fabricación de xeo e dunha consigna de frío no piso inferior, así como ofrecer o envío da compra a domicilio, dispor de carriños de compra para os clientes e instalar despachos de billetes para as placeras.

O número 2 da candidatura de Marea Pontevedra, Teresa Casal deu "dúas sonoras cabazas" ao goberno local do BNG "pola mala xestión do mercado". Casal lembrou que no ano 2007, cando deixou a responsabilidade que tivera nesta área durante o goberno bipartito BNG-PSOE, quedou algún asunto programado que melloraba a situación das placeras pero que "hoxe, 12 anos despois, aínda non está xestionado".

Para Teresa Casal "é inaceptable que un tema tan importante como este mercado, que foi motor económico de Pontevedra, agora estea completamente abandonado polo goberno municipal". Neste sentido tamén incidiu a membro da candidatura de Marea Pontevedra e traballadora nesta Praza, Celia Abal que criticou que desde o Concello "nunca" se fixo caso.

Pola súa banda, Luís Rey denunciou que "a zona monumental vive un declive, cunha baixada de residentes" ao que sumou "a deterioración do comercio de proximidade" e que "un terzo dos locais están abandonados ou en ruínas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta