Feijóo falará con Sánchez de impulsar a autovía e alta velocidade entre Lugo e Ourense

Cunha mirada de esguello á histórica caída do PP nas eleccións xerais do 28 de abril, o presidente dos populares galegos evidenciou o "erro" que supuxo "dividir o voto" do centro dereita.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2019 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este sábado que reclamará ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, o impulso da autovía e da alta velocidade ferroviaria entre as cidades de Lugo e Ourense na primeira entrevista que manteñan ambos os mandatarios, toda vez o secretario xeral do PSOE volva ser investido presidente.

Así o adiantou durante un mitin en Chantada (Lugo), onde arroupou ao candidato do PP á Alcaldía, Manuel Lorenzo Varela, quen volve ás filas populares despois de ser rexedor durante as últimas dúas lexislaturas --entre 2011 e 2015-- co seu propio partido: Independentes Terras do Asma (INTA).

Neste acto de campaña fronte a máis dun centenar de simpatizantes, estiveron acompañados do senador por Lugo José Manuel Barreiro e a secretaria xeral de Igualdade na Xunta, Susana López Abella. A alcaldesa de Mondoñedo e presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, tiña previsto asistir ao mitin pero finalmente non o fixo. "Estráñame, pero ben", expresou o rexedor chantadino sobre a súa ausencia.

En materia de infraestruturas, Feijóo afeou ao PSOE que durante o Goberno de Zapatero "escindise" os contratos da A-56, entre Ourense e Lugo, mentres que cando Rajoy chegou a Moncloa a partir de 2011, a pesar de que os socialistas deixaron a España "crebada", as obras nestas vías "mantivéronse, aínda que fosen de forma lenta".

No entanto, o presidente da Xunta tamén dixo que co novo Executivo de Pedro Sánchez "non é optimista". "O primeiro que lle pedín ao ministro de Fomento (José Luís Ábalos) foi que a que estaba en marcha, a autovía Lugo-Santiago, estivese para 2021. Tiñamos todos os proxectos e puntos quilométricos en obras, e o primeiro que fixo en resposta foi baixar un 60 por cento o investimento en Galicia e subila un 30 por cento en Cataluña", explicou.

Así, puxo encima da mesa o reto de que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade da Unesco para advertir da "importancia" de "insistir" nas infraestruturas para o interior galego. Feijóo tamén aproveitou para reivindicar a súa xestión á fronte da Xunta, que inviste unha media de máis de 4.000 euros por persoa ao ano, "por encima da media" segundo as súas cifras, e expresou a súa "aposta" polo rural: "Ou facemos unha discriminación positiva cara o interior, ou os máis ricos seguirán sendo máis ricos e os máis necesitados seguirán sendo máis necesitados".

O PSOE NA DEPUTACIÓN, "AVERGONZANTE"

En fronte situou ao PSOE na Deputación de Lugo, cuxa última lexislatura foi, en palabras do líder autonómico, "avergonzante" con "insultos" e "faltas de respecto" nos plenos da institución provincial, con frecuentes enfrontamentos entre os socialistas e o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, quen chegou a ser expulsado do partido e como número dous do goberno provincial.

Cunha mirada de esguello á histórica caída do PP nas eleccións xerais do 28 de abril, Feijóo evidenciou o "erro" que supuxo "dividir o voto" do centro dereita cando "a maioría de votantes de Cidadáns e Vox preferían que o presidente do PP (Pablo Casado) fose presidente o do Goberno".

Neste sentido, quixo mandar unha mensaxe ao resto de Comunidades Autónomas, xa que en máis dunha decena delas celebraranse eleccións o próximo 26 de maio: "Cos gobernos bipartitos, ao final haberá que dicir 'si, señor' a Sánchez. Pero cando lle dicimos 'si, señor' a Sánchez dicímoslle 'si, señor' a Pablo Iglesias e aos independentistas de Cataluña".

"UNIR O QUE ESTABA DESUNIDO"

Durante este mitin, Feijóo arroupou ao alcalde de Chantada, quen volve agora ao PP, tamén como senador electo o pasado 28 de abril, despois de 8 anos como independente. Deste caso serviuse o presidente do PP galego para reivindicar que "unir o que estaba desunido" é "a única vía" para recuperar o mando non só en Chantada, senón tamén na Deputación de Lugo e no Executivo estatal.

Pola súa banda, o rexedor, que admitiu "non contar con que houbese tanta xente" no salón, quixo agradecer aos dous concelleiros do PP durante esta pasada lexislatura --que non figuran na súa lista-- e presentou varios membros da súa candidatura, composta mayoritariamete por integrantes de Independentes do Asma, o seu anterior partido.

"No seu momento comprometinme a continuar coa xente coa que estou a traballar desde hai tempo. Mentres esta xente queira seguir comigo, vou achegar por ela", indicou. Así, Manuel Lorenzo Varela quixo insistir en que a pesar das "desavinzas" que provocaron no seu momento que se fose do PP, "nunca se foron" da formación.

Aproveitando a presenza de Feijóo, quixo valorar que "nunca se sentiu marxinado pola Xunta", para seguidamente lamentar que "non pode dicir o mesmo da Deputación", de cuxo goberno censurou o seu "caciquismo".

Ademais, o recentemente electo senador puxo o foco na "necesidade" de que o PP alcance a maioría absoluta en Chantada nos próximos comicios. "Se non, non gobernamos. O PP ten ese defecto", puntualizou.

Feijóo nun mitin
Feijóo nun mitin | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta