Gonzalo Caballero pide alcaldes socialistas para formar "un exercito de progreso" que apoie o goberno de Sánchez

Caballero asistiu este martes en Madrid á constitución das Cortes Xerais, xornada que cualificou de "histórica" para "abrir unha nova lexislatura" despois dunhas eleccións xerais nas que "máis de medio millón de galegos votaron ao PSdeG".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2019 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu o voto ao seu partido para as eleccións do próximo domingo e asegurou que o futuro goberno liderado por Pedro Sánchez necesita "o apoio de alcaldes e alcaldesas socialistas para que haxa un exercito de progreso" e "cambio" no conxunto do país.

Gonzalo Caballero asistiu este martes en Madrid á constitución das Cortes Xerais, xornada que cualificou de "histórica" para "abrir unha nova lexislatura" despois dunhas eleccións xerais nas que "máis de medio millón de galegos votaron ao PSdeG".

Respecto diso, puxo en valor que tanto no Congreso como no Senado "18 socialistas galegos estarán a defender os intereses da cidadanía galega" e "apostando por unha etapa de progreso liderada por Pedro Sánchez".

"Despois de que máis de medio millón de galegos votasen ao PSdeG nas eleccións xerais, despois de que Sánchez sexa o líder que ten o referendo para abrir unha nova etapa, é un pracer estar como líder dos socialistas galegos aquí", indicou.

ELECCIÓNS EUROPEAS

O xefe de filas dos socialistas galegos lembrou que a constitución das Cortes Xerais coincide coa campaña das eleccións municipais e europeas que terán lugar o vindeiro domingo, día 26 de maio, e para as que pediu o voto para o seu partido.

"Os socialistas facemos unha defensa da formulación que nós levamos a Europa, somos europeístas, somos progresistas, somos a esquerda e o socialismo que sabe gobernar Europa e que fixo os maiores avances pola Europa da cidadanía e do benestar", manifestou.

Por iso, pediu o voto de todos os galegos á lista que encabeza o ministro de Asuntos Exteriores en funcións, Josep Borrell. "Porque o proxecto europeo está en risco polas ameazas da dereita e da ultradereita e o socialismo democrático é a mellor garantía de construír unha Europa dos pobos, do benestar e do progreso", apuntou.

"DESASTRE ABSOLUTO" DO PP

Na súa intervención, ademais, augurou que nos comicios locais en Galicia producirase un "desastre absoluto" do Partido Popular. "Non vai gobernar en ningunha das cidades de Galicia, os galegos suspenderon a Feijóo e ao PP nas xerais e volverán suspender ao PP nestas eleccións municipais", augurou.

E é que, na súa opinión, os alcaldes de referencia en Galicia son os socialistas, "alcaldes que teñen un proxecto de progreso para os seus concellos e un compoñente municipalista no que o Partido Socialista leva a bandeira da igualdade, da xustiza social para todos e para todas".

"O vindeiro domingo pedímoslle aos galegos o voto para as candidaturas do Partido Socialista, nestas eleccións municipais temos as mellores candidaturas para gobernar nas sete cidades galegas e para gobernar no conxunto dos concellos de Galicia", incidiu.

26M.-G. Caballero Pide Alcaldes Socialistas Que Formen 'Un Exercito De Progreso' E Apoien O Futuro Goberno De Sánchez. PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA
26M.-G. Caballero Pide Alcaldes Socialistas Que Formen 'Un Exercito De Progreso' E Apoien O Futuro Goberno De Sánchez. PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta