Catro novos membros na Academia Galega

Análise da traxectoria profesional de Ana Isabel Boullón, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e Xosé-Henrique Costas, os catro estudosos nomeados membros da Real Academia Galega a semana pasada. Unha profesora italiana, Giulia Lanciani, tamén é nova académica de honra.

Por X. M. G. | Vigo | 23/01/2012 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

O plenario da Academia Galega, celebrado o21 de xaneiro, aprobou o nomeamento de catro novos académicos correspondentes: Ana Isabel Boullón, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e Xosé-Henrique Costas. Xunto a eles foi nomeada académica de honra a profesora italiana Giulia Lanciani, en recoñecemento pola difusión da cultura galega e, en concreto, no que atinxe á lírica medieval.

None

A proposta dos novos académicos, realizada no mes de setembro do pasado ano, pretende reforzar e desenvolver o traballo de comisións como a de sociolingüística, onomástica ou toponimia.

 Xosé-Henrique Costas, profesor de Filoloxía Galega e actual vicerreitor de extensión universitaria da Universidade de Vigo, é catedrático en historia e dialectoloxía galega. Na súa investigación destacan os estudos das zonas dialectais de Asturias, León, Zamora e o Val do Ellas (Cáceres). Dirixiu o departamento de Filoloxía Galega e Latina (2000-2006) e a Área de Normalización Lingüística da universidade (2006-2010).  Como membro de Prolingua coordinou o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Recentemente publicou na Editorial Galaxia, xunto a Iago Castro, unha edición da poesía completa de Álvaro Cunqueiro tras a guerra.

Ana Isabel Boullón é investigadora no Instituto da Lingua Galega (ILG) e profesora titular na área de Filoloxía Galega na Universidade de Compostela. Doutorouse cunha tese verbo da antroponimia medieval galega e en 2008 coordinou para o Consello da Cultura Galega o libro Na nosa lyngoage galega, que aborda a emerxencia da lingua galega nos textos escritos na Idade Media. Ten unha ampla nómina de estudos arredor da toponimia e da onomástica. Tamén participou na elaboración de dicionarios e é socia fundadora da Asociación Galega de Onomástica.

Da Universidade de Vigo tamén proceden Gonzalo Navaza e Antón Palacio, ambos recoñecidos especialistas en onomástica e toponimia, sendo membros do Consello de Toponimia da Xunta de Galicia.

Investigador do ILG, catedrático e profesor de literatura galega, Gonzalo Navaza é autor de numerosos estudos de onomástica e toponimia. Coordinou distintas edicións do dicionario Xerais. Destaca tamén na faceta literaria con obras como Erros e tánatos ou o poemario Fábrica íntima, premio Eusebio Lorenzo Baleirón e da Crítica Española. En 1992 aparece o libro A torre da derrotA, escrito en versos palindrómicos. Foi fundador da Asociación Galega de Onomástica, que preside, e secretario do Centro PEN Club de Galicia.

Ao igual que os dous precedentes, Antón Palacio é un outro socio fundador da Asociación Galega de Onomástica, creada en 1999, e investigador do ILG. Catedrático e profesor titular de Filoloxía Galega, dirixe o Servizo de Publicacións da universidade viguesa. Participou na fundación  da Asociación de Tradutores Galegos, formando parte da súa directiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

1 Dubidosa

Pero foron nomeados académicos numerarios ou académicos non numerarios? Sonche cousas moi distintas!

1 Xanuco

Foron nomeados para vivir da lingua xa sen disimulo, sen ter que facer méritos como ate agora.

2 Xanciño

Vivir da lingua: a persoa que sae na foto, e mais o retso de nomeados, xa teñen un bo traballo para o que tiveron que facer méritos académicos. Non me digas que da Academia se vive, Entérome agora.

3 zoqueiro

Fôrom nomeados académicos correspondentes. A nova de GC é umha metedura de zoca!

4 Xandasbolas

Como di Xanuco, nomeados para vivir do conto ou, mellor dito, das subvencións (como ata o de agora, vamos!)