Denuncian o impacto ambiental das obras de restauración na praia de Barrañán en Arteixo

As obras de reposición de area nesta praia, localizada perto do Porto Esterior da Coruña, buscan a restauración do material que os temporais de inverno foron levando. Con todo, grupos ecoloxistas denuncian que esta actuación podería non estar cumprindo a legalidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As obras de reposición en praias con area son unha práctica habitual en concellos costeiros de cara o verán. O obxectivo é ofrecer areais atractivos para o turismo de costa. Non obstante, as autoridades competentes apuntan a necesidade de repoñer o material areoso perdido durante o inverno por culpa dos temporais.O problema, segundo algunhas voces, reside en que esta reposición de area non sempre resulta positiva para as praias.

Obras en Barrañán, Arteixo
Obras en Barrañán, Arteixo | Fonte: ADEGA

O grande motivo que existe detrás de intervencións sobre praias e areais é case sempre económico. A oferta de sol e praia de cara o verán é a principal alternativa para a economía dalgúns concellos durante os meses estivais. Ofrecer praias listas, limpas, en bo estado e con todas as comodidades é unha tarefa que se afronta para atraer máis turismo.

Un exemplo é a praia de Barrañán, no Concello de Arteixo, un espazo da Rede Natura 2000 que está sendo obxecto dunha operación de restauración e reposición con area. A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, ADEGA, presentou unha denuncia diante do Servicio de Protección a la Naturaleza da Guardia Civil (Seprona), por considerar que se está alterando un espazo protexido ademais de realizarse labores de “rexeneración” que a asociación ecoloxista considera contraproducente.

POSIBLES CAUSAS

“A reposición de area nesta zona en concreto sería consecuencia da construción do Porto Exterior da Coruña en Punta Langosteira” di Fins Eirexas de ADEGA. “Serían obras de amortecemento e reducción de impacto das obras do Porto Exterior, entón parte dos problemas veñen dos temporais e tamén das variacións nas correntes que causou o porto exterior”.

Vista aérea de Barrañán
Vista aérea de Barrañán | Fonte: Google Maps

A erosión e desgaste das praias motivados pola construción de infraestruturas costeiras está probado nalgúns casos. Así, segundo un informe do Banco Mundial relativo á influencia das obras no litoral da illa de Corn Island no Caribe. “Outra forma de reducir ou aumentar a erosión é alterar artificialmente os axentes climáticos mariños que inciden na costa, mediante obras que producen desequilibrios na dinámica litoral. Adoitan colocarse diques de forma curva que causan  difracción da ondada e alteran a dinámica litoral na súa zona de influencia; en ocasións provocando erosións xeneralizadas ou soamente parciais. Se se producen variacións importantes no clima, estas veranse reflectidas na ondada e correntes que afectan directamente á costa, alterando o transporte sólido litoral”. No caso do Porto Exterior da Coruña “non asumen que pode ser importante (a construión de diques) mais pode ser un factor importante de alternación” di Eirexas.

ADEGA cuestiona ademais a legalidade dos recheos en Barrañán porque “entendemos que se están facendo sobre un espazo da Rede Natura, con presenza de hábitats prioritarios”. Non obstante, a rexeneración de espazos mediante o uso de area en praias e zonas costeiras si podería contemplarse, de feito realízase nalgúns casos puntuais, para a recuperación de hábitats danados.

A INTERVENCIÓN

A principal queixa da organización ecoloxista é a maneira de intervención sobre o espazo de Barrañán. “Está incidindo en varias dunas, ademais hai impactos directos por alteración das dunas fixas, que provoca a desaparición de especies vexetais”. A intervención que se está realizando é mediante o uso de maquinaria pesada, punto este que pode causar alternacións na morfoloxía dunar e do espazo en principio protexido.

Os labores de restauración desta praia estase facendo con area. Fontes anónimas consultadas por Galicia Confidencial din que se trataría de area procedente de dragaxes feitos en zonas próximas ao Porto Exterior. A vantaxe sería que estas areas terían unha procedencia semellante ao material natural de Barrañán.

Por que é importante falar da area? “Houbo unha época na que a area usada para restaurar ou rexenerar praias se facía con area esmagada ou moída procedente de canteiras” explica Fins Eirexas. O problema chegou cando, primeiramente, as persoas usuarias das praias se queixaron da incomodidade desta area, pois tiña “arestas”, era cortante e ademais, “a composición mineralóxica da area de mar non ten que ver coa procedente de canteira.

A area de mar, ademais de ter restos biolóxicos de cunchas e outros, é seixo basicamente, mentres que a extraída de canteiras é granito, que leva seixo, mais tamén micas e feldespatos” que poden alterar mesmo a química das zonas de praia. Máis adiante, en vista das queixas dos e das usuarias, esta técnica foi abandonada na maioría dos casos. 

Desde o Concello de Arteixo responderon a Galicia Confidencial que "o proxecto de restauración da praia de Barrañán está promovido pola Autoridade Portuaria da Coruña e a competencia sobre a obra corresponde o Estado, concretamente a demarcación de Costas". Desta maneira entenden que "a denuncia do BNG debe ser tratada polos responsables destes entes que son os que teñen os informes técnicos correspondentes e coñecen os detalles". 

Desde Porto da Coruña aseguran que "a actuación de achega de area á praia de Barrañán acométese precisamente para preservar o conxunto da praia, incluídas as dunas, no marco do programa vixilancia ambiental vinculado á construción do Porto Exterior". Sobre o acceso de máquinas pesadas responden que o mesmo non afecta á praia pois "efectúase por un dos seus extremos, co obxectivo precisamente de minimizar o impacto da obra sobre as dunas". o Segundo o propio Porto da Coruña, as obras son "unha actuación consensuada con todos os organismos que teñen competencias na materia, e é obxecto dun seguimento ambiental". Sobre o tipo de area que están aportando "é efectivamente area de praia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un galego

A natureza hai que deixala. Todas as cousas que lle ocorren, que chamamos daniñas, son por causa humana. Os temporais poden levar area pero o mar volve traela. O problema se é por causa dos diques do porto exterior xa non ten solución. Traer miles de Tm cada ano non é ningunha solución sobre todo cando empezaches facelo nun sitio e agora xa o tés que facer en 100 e dentro de 20 anos en mil.