A Xunta quere que os veciños loiten contra o lume limpando as súas leiras

Colaborará coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) na mellora da xestión da biomasa nas proximidades aos núcleos de poboación impulsando o pastoreo nas franxas de protección das aldeas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2019 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo este venres un encontro cos veciños da localidade ourensá de Boborás para explicarlles o convenio de protección das aldeas fronte aos incendios forestais que a Xunta subscribiu coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa empresa pública Seaga, polo que animou aos veciños a "implicarse" na defensa dos seus pobos contra o lume coa limpeza de parcelas próximas aos núcleos de poboación.

Tal como indicou González, este acordo puxo as bases para a creación dun sistema público de xestión da biomasa nas proximidades de núcleos de poboación, "co fin de incrementar a defensa e protección das aldeas fronte ao lume". Así, o consellerio lembrou que o adecuado mantemento das parcelas situadas nas franxas secundarias é, en primeiro lugar, unha responsabilidade dos titulares dos terreos. Nesta liña, explicou que corresponde aos concellos a vixilancia desta obrigación e, no seu caso, proceder ao seu cumprimento pola vía de execución subsidiaria.

"No entanto, sendo esta unha competencia municipal, a Xunta entende que debe colaborar polo ben común, dada a importancia deste asunto", dixo o consellerio de Medio Rural, segundo recolle o Goberno galego nun comunicado.

CASE 30 MILLÓNS

Desta maneira, a Xunta achegará un total de 28,7 millóns de euros en catro anos, máis do 78% do orzamento total, para desenvolver este convenio. En todo caso, insistiu en que a Consellería actuará unicamente nas parroquias priorizadas, xa que no resto do territorio os propietarios teñen que cumprir coas súas obrigacións de xestión.

Segundo datos de José González, case 200 municipios solicitaron adherirse a este acordo. Ademais, indicou que este ano a Xunta vai actuar en 34 concellos, 68 parroquias e un total de case 700 aldeas.

A Xunta mantén encontro coa  Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF)
A Xunta mantén encontro coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF)

PASTOREO

Doutra banda, a Consellería de Medio Rural colaborará coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) na mellora da xestión da biomasa nas proximidades aos núcleos de poboación impulsando o pastoreo nas franxas de protección das aldeas.

Así o acordaron o propio conselleiro, José González, e os responsables deste colectivo tras unha reunión de traballo celebrada este venres en Santiago. Neste sentido, abordaron a importancia de fomentar a actividade agrogandeira nas franxas de xestión da biomasa, como estratexia para a prevención e defensa fronte aos incendios forestais e valorouse a axuda que pode facer a SGPF nesta materia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta