Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/06/2019 | Actualizada ás 14:00
A Axencia Turismo de Galicia mantén abertos ata tres concursos públicos para a externalización e a realización de servizos básicos de comunicación, sobre todo, no eido dixital. Uns servizos que lle van custar aos galegos máis de 1,1 millóns de euros e que se suman aos case seis millóns de euros destinados por este departamento á propaganda institucional. Uns concursos que contrastan coa falla de ofertas e concursos públicos para dotar á sanidade pública de máis médicos ou enfermeiros.
Así, os novos concursos abertos por Turismo de Galicia teñen que ver con accións de comunicación dixital da campaña de promoción turística de Galicia, o mantemento da axenda cultural de eventos de carácter turístico e a estratexia de comunicación nas redes sociais. En total, case 1.125.000 euros. A Xunta xustifica o primeiro dos concursos porque “hai unha porcentaxe moi elevada dos contidos de promoción e da comercialización dos produtos turísticos se realiza a través de Internet” e que é nese ámbito onde “cómpre desenvolver as accións publicitarias da Axencia de Turismo de Galicia e do Camiño de Santiago”.
Por iso, o obxecto da campaña é promocionar os recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, así como do Camiño de Santiago en particular, nos medios dixitais. Neste sentido, desenvolverase unha campaña publicitaria no ámbito nacional e internacional “que sirva para xerar notoriedade de marca, apoiar a comercialización dos produtos turísticos e gastronómicos de Galicia a fin de incrementar o número de visitas á wev da Axencia de Turismo de Galicia e do Camiño”. Para obter isto, a Xunta investirá 840.000 euros neste concurso.
Paralelamente, investirá outros 200.000 euros en “impulsar un conxunto de estratexias e accións de comunicación dixital” nas redes sociais. O obxectivo desta contratación é deseñar e executar un social media plan para a Axencia de Turismo de Galicia que incluirá contidos –textos, imaxes e vídeos-- e a difusión en distintas plataformas sociais de contidos específicos de turismo, do Camiño e do Centro Superior de Hostelería de Galicia.
Finalmente, a xunta destinará 84.216 euros para a contratación do servizo de mantemento da axenda cultural de Turismo, consistente en recompilar os eventos turísticos das sete cidades máis importantes de Galicia, festas de interese turístico, eventos de interese relacionados co Camiño, coa finalidade de incorporar estes eventos á axenda cultural da Consellería de Cultura a través de ferramentas informáticas en galego e castelán.
ESTRATEXIA DE TURISMO
Estes novos contratos súmanse aos case seis millóns que Turismo destinou para accións de publicidade e propaganda da Estratexa de Turismo Galicia 2020, un plan no que quere avanzar en retos como a desestacionalización e a diversificación do turismo e impulsar o Camiño de Santiago ante a proximidade do Xacobeo 21.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.