Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/06/2019 | Actualizada ás 12:26
A Garda Civil detivo a dous mozos de 19 e 20 anos acusados de asaltar a outros dous de Ponteareas (Pontevedra) intimidándoos cunha navalla para subtraerlles os teléfonos móbiles e o tabaco.
Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións realizadas polo Posto Principal da Garda Civil de Ponteareas constataron que os feitos sucederon a madrugada do día 28 de abril cando dous mozos de Ponteareas de 21 e 22 anos foron abordados por outros dous mozos na rúa, que os intimidaron cunha navalla para que lles entregasen os móbiles e o tabaco que levaban.
"Despois dunha tensa discusión conseguiron arrebatarlle o tabaco a un deles, pero, ante a resistencia a entregar o terminal, recibiu unha forte puñada na cara e tivo que recibir asistencia médica polas lesións recibidas", destacaron as mesmas fontes.
Por mor das indagacións realizadas, a investigación concluíu coa identificación dos presuntos agresores, un deles en Ponteareas e o outro en Vigo, onde residía, os dous cun amplo historial de antecedentes policiais.
As dilixencias instruídas e os dous detidos foron postos a disposición do xulgado de Instrución de garda de Ponteareas, que decretou a súa liberdade, con orde de afastamento para un deles, e orde de ingreso en prisión para o segundo, sobre o que recaían tres ordes xudiciais de procura, detención e ingreso en prisión.
O detido que quedara en liberdade foi notificado ao día seguinte da súa condición de investigado como presunto autor doutro delito menos grave de lesións, como consecuencia da denuncia que formulara contra o mesmo outro mozo da localidade, que presentou un parte de lesións por agresión con arma branca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.