O Goberno nega diferenzas de dificultade na Selectividade, pero admite incidencias

O Executivo tentará "harmonizar" os criterios de corrección.

Por E.P. | | 07/06/2019 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A portavoz do Goberno e ministra de Educación e Formación Profesional en funcións, Isabel Celaá, negou que existan "datos técnicos" que demostren diferenzas na dificultade da Selectividade entre diferentes comunidades autónomas, e precisou que o Executivo tentará "harmonizar" os criterios de corrección, pero descarta impor unha proba única de acceso á universidade para toda España.

"En graos de dificultade e de preguntas, os datos técnicos que temos non proporcionan ningún elemento de alarma, ningún, absolutamente ningún, e unha proba única non liquidaría a situación porque empobrecería o currículo", expuxo Celaá na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros celebrado este venres na Moncloa.

A titular de Educación en funcións salientou que a Selectividade "funciona e funcionou adecuadamente" como demostraría o "nivel alto de satisfacción" manifestado por "familias, alumnos e universidades". Desde o pasado 3 de xuño ata o próximo día 14, uns 300.000 estudantes de toda España enfrontaranse á proba, coñecida tamén como Avaliación de Acceso á Universidade (EvAU).

"Todos os anos durante estas datas suscítase unha lóxica preocupación por se hai diferenzas entre unha proba e outra", admitiu Cealá para lembrar que o seu Ministerio pretende crear un grupo de traballo de expertos, como xa anunciou esta semana, para "identificar algúns aspectos de mellora" da Selectividade nos seus criterios de corrección.

"O que non parece de recibo é que nuns lugares unha falta de ortografía desconte do resultado moito ata suspender a proba, e noutros lugares non", sinalou Celaá, mostrándose confiada en que este grupo de traballo, do que non precisou cando poderá empezar a traballar, logrará melloras na "armonización" da corrección da Selectividade en diferentes comunidades autónomas.

O GOBERNO ADMITE "INCIDENCIAS" ESTE ANO

Con todo, a ministra de Educación en funcións recoñecía este pasado mércores "incidencias" na Selectividade deste ano, sinalando a dificultade denunciada por estudantes valencianos no seu exame de Matemáticas, e atribuíu ao próximo grupo de traballo o labor de corrixir esas incidencias para garantir a "equidade" dos estudantes de toda España.

"Observei que había algunhas incidencias que sinalaban a certas dificultades diferentes e iso é o que imos tratar", dixo Celaá o pasado mércores aos medios. Ese mesmo día, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) defendeu tamén o actual sistema de Selectividade asegurando que "funciona ben" e que é igualitario en canto a nivel de dificultade en todas as comunidades autónomas.

No entanto, o novo presidente de CRUE, Juan Carlos Gómez Villamandos, mostrouse partidario de implantar unha proba de acceso á universidade común en todas as comunidades autónomas para asegurar a "igualdade de oportunidades" de todos os estudantes españois.

"Agora prodúcense diferenzas entre as distintas comunidades autónomas, e en democracia temos que buscar todos a igualdade real de oportunidades", dixo Gómez Villamandos despois de ser elixido presidente dos reitores españois o pasado 16 de maio.

Este venres, o Partido Popular rexistrou no Congreso a súa petición para implantar unha única Selectividade en todo o territorio español co obxectivo de "garantir a igualdade de oportunidades no acceso e admisión de todos os alumnos" no sistema universitario "con independencia do lugar no que realicen a proba".

Cidadáns tamén reclamou esta semana un exame "homoxéneo" en toda España para acceder á universidade, algo que levaba no seu programa para as pasadas eleccións xerais, e que tamén reivindicou na anterior lexislatura. A súa proposta foi rexistrada este pasado xoves no Congreso como proposición non de lei.

Alumnos Selectividade. UPCT
Alumnos Selectividade. UPCT

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta