Como frear o suicidio, unha das principais causas de mortes en Galicia

A prevención do suicidio pasa, segundo as voces expertas, por unha política de prevención que axude tanto a determinar as causas como frear o acto suicida. Todo debera pasar por unha visión multidisciplinar e interdisciplinar, que recolla todas as áreas sensibles para a persoa, capaces de crearlle unha situación límite.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A auto-eliminación voluntaria da vida, o suicidio, está dentro dos temas tabú dengtro da sociedade occidental. Os motivos ao mellor proceden primeiramente da concepción relixiosa que se ten deste acto, é un pecado mortal para a Igrexa Católica. Por outra parte, as sociedades occidentais parecen estar vivindo unha constante exaltación do triunfo e do hedonismo. Quen non chegue a ese estatus é considerado un fracasado ou fracasada e a persoa entra en crise, que pode ser mortal.

Centro de Saúde do  Casco Vello de Vigo
Centro de Saúde do Casco Vello de Vigo | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Tamén están as persoas cuxas vidas non parecen encaixar no actual modelo. Persoas maiores, persoas con algunha dependencia, persoas sen traballo, sen fogar ou a piques de perdelo todo ou mesmo sen ter problemas deste tipo, senten un baleiro total ao seu redor.

OS MOTIVOS

Galicia Confidencial xa mostraba o pasado luns as posibilidades de reincidencia entre persoas que tentaran suicidarse con anterioridade. Tamén que existe unha media de mortes deste tipo máis elevada que a media do Estado en Galicia, superada por Asturias. Cales son as causas? “Hai diferentes desencadeantes que teñen en común implicar un importante sufrimento, mais dentro deles temos unha grande variedade de estresores e normalmente non hai unha única causa” relata Delia Guitián, psicóloga clínica que formou parte do equipo que elaborou o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia.

O habitual é a existencia de varios elementos que fan sufrir á persoa, mais chega un momento en que un deles ou outro elemento novo fai estourar o individuo que toma a decisión de quitar a vida. “Para que ese último elemento sexa definitivo, ten que caer sobre a base dun sufrimento intenso” relata Guitián.

O que sería un estudo epidemiolóxico sobre motivacións, causas ou elementos concorrentes e determinantes para falar deles como motivación do suicidio, non existe. Non hai factores concluíntes sobre o suicidio. “Hai áreas concretas que teñen taxas de suicidio elevadas, como Asturias, algunhas zonas da provincia de Málaga, zonas na provincia de Cádiz, isto rompería os esquemas sobre que o Norte tería unha maior incidencia” di o doutor José Luis Gómez, forense especializado en diagnósticos sobre suicidios. “O que si é certo é a grande cantidade de variables arredor deste tema, diversas”.

Sobre quen ou que sectores sociais sofren máis a incidencia deste fenómeno parece tocar sobre certas épocas vitais do ser humano. “Hai segmentos de idades extremas, a xente maior e a xente nova entre os dezaseis e os vinte e cinco, neste último segmento de idades, o suicidio estaría entre o grupo de primeiras causas de morte, despois dos accidentes” conta Delia Guitián.

A perda do emprego e a inseguridade que trae canda si, tamén se apuntaba como unha causa que desencadearía un final fatal para a persoa desempregada. “Coas cifras que tivemos nun traballo onde participei, sobre a incidencia da crise económica dentro da provincia de Pontevedra, concretamente en Vigo, era pouco significativa esa incidencia” sinala Gómez. “Mesmo en anos de maior peso da crise, como 2010, mesmo lembro que había unha lixeira baixa do número de suicidios, cousa que rompe os esquemas de dicir que a perda do traballo puidera influír de maneira importante”.

O peso social tamén ten unha grande importancia de cara enfrontar este fenómeno. “O estigma sobre o suicidio é moi antigo, nos camposantos non se permitía enterrar os suicidas, era un bo motivo para non descubrilo pois quedaba un estigma para a familia”. A partir de aí comezaría un proceso de culpabilización cara as persoas do entorno familiar da persoa suicida. “Non obstante, en xeral, dentro da sociedade todo o que teña que ver coa morte, canto máis aséptico, mellor” apunta Guitián.

A PREVENCIÓN

O Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, tentou desde o primeiro momento “ser inclusivo, recollendo non só aspectos do ámbito sanitario, senón tamén do educativo, do IMELGA e mesmo do Colexio de Xornalistas, en teoría ten unha visión ampla do que é o suicidio por incluír persoas de eidos moi diferentes” sinala Guitián.

Non obstante, Guitián ve como as alternativas de tratamento “tenden á medicalización, o que tentamos é que os profesionais podan detectar o risco de suicidio, e a única resposta que temos é a da saúde mental, cando non todos os casos se poden derivar a saúde mental”. Esta interpretación levaría a unha abordaxe multi e interdisciplinar da problemática que nos ocupa, “todo canto teña que ver coas grandes preocupacións da poboación e estean relacionados con servizos sanitarios, sociais, emprego, vivenda ou saúde”.

“Nós traballaremos co SERGAS achegando datos para depois tomar medidas, mais considero que as medidas dentro destes plans pasan pola detección precoz de situacións depresivas” di José Luis Gómez. Quen debera ser a primeira persoa en detectar o estado depresivo? “Fundamentalmente o médico de cabeceira, unidades de atención primaria, esas son as persoas que teñen da súa man facer algo máis, se se pode facer”. Gómez apunta tamén a variabilidade das persoas afectadas por esta situación “pois hai quen son pacientes psiquiátricos, mais a maioría non son e non demandan a axuda que puideran necesitar”.

A cuestión é que as medidas que se podan tomar, independetemente dos resultados, “hai que adoptalas” pasando pola información. Esa información debe partir das unidades familiares inicialmente, para poder estudar os casos. Logo das unidades de psiquiatría e médicos de atención primaria. Só paso do tempo poderá ofrecer a resposta de se foron válidas ou non as medidas que se tomen. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta