A Xunta confirma que aínda non contratou ao persoal de loita contra os lumes deste ano

Confirma que os 548 postos de loita contra os incendios deste ano están "na fase previa de chamamentos". Aposta agora por un "traballo continuo" e "en calquera momento" nas franxas contra incendios

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou que "o que vai pasar" coas franxas de seguridade de 4.500 hectáreas cuxa limpeza prevía asumir o Goberno autonómico durante os meses de maio e xuño é "que se vai a facer un traballo continuo". Así se pronunciou despois de que tanto a Fegamp como Seaga advertise "atrasos" nestas tarefas, vinculados, de acordo con estas dúas institucións, coa falta de aprobación definitiva dos plans municipais contra incendios.

Pola súa banda, a Xunta mantén que eses documentos non son imprescindibles para actuar nestas áreas priorizadas, posto que a cartografía nestes puntos xa está lista. "Nós poderemos facer a limpeza das franxas en calquera momento porque como se fai con medios públicos e con Seaga tomaremos as precaucións necesarias", sinalou José González este martes, antes de advertir de que "o importante" é animar aos veciños "para que asinen para que se poida entrar" nesas aldeas priorizadas (as de alta actividade incendiaria).

Ademais, González informou de que as 548 prazas do servizo público contra incendios que a Xunta incorpora este ano a persoal laboral (en lugar de adxudicar estes traballos á empresa pública Seaga) atópanse "na fase previa aos chamamentos".

E estimou que "os chamamentos se van a facer no curso deste mes de xuño, para que a xente se poida incorporar dentro do inicio do período de máximo risco (que arrinca o 1 de xullo), como se fai todos os anos".

Xunto ao vicepresidente galego, Alfonso Rueda, o titular de Medio Rural reúnese este martes co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o director xeral de Protección Civil, Alberto Herrera, para coordinar o dispositivo desta campaña contra o lume.

Lumes forestais
Lumes forestais | Fonte: REMITIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta