Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/06/2019 | Actualizada ás 14:00
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que coordina as urxencias e as emerxencias sanitarias na Comunidade galega, recomendou ter precaución co consumo de alcol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da noite de San Xoán. Neste sentido, a Central de Coordinación do 061 reforzará o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria.
Así, as intoxicacións etílicas ou por outras drogas, os accidentes de tráfico, as queimaduras, as alteracións da consciencia, as caídas, os mareos e as lesións producidas no ámbito das fogueiras constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.
Para o 061 é "imprescindible" transmitir á cidadanía que as tradicionais fogueiras "supoñen un compoñente de perigo", tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. "Por iso, é importante elixir o sitio onde facelas. Non debe ser en lugares pechados, e evitando a proximidade de cables de alta tensión", indicou nun comunicado.
Tamén sinalaron que para prender as fogueiras "non deben utilizarse líquidos inflamables" e non se deben lanzar ao lume envases herméticos, 'sprays', pilas, nin manipular petardos preto do mesmo. Urxencias Sanitarias de Galicia aconsellou, ademais, situarse de costas á dirección do vento, para evitar a inhalación de fume.
ALERTA AOS SERVIZOS DE EMERXENCIA
Se algunha persoa sofre algún tipo de queimadura, "é importante alertar ao 061 inmediatamente". Mentres non chega a axuda "é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión", mentres que se é extensa "non hai que utilizar auga fría por risco de hipotermia".
Reiterou a importancia de non realizar desprazamentos en vehículos no caso de consumir alcol ou outras drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.
En 2018, a noite de San Xoán saldouse con 55 intoxicacións, 10 accidentes de tráfico con 21 persoas implicadas, e nove queimaduras nas que tivo que actuar o 061. Ademais, atendeu 27 incidencias por alteracións da consciencia, caídas e mareos ou lesións producidas en relación coas fogueiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.