Denuncian que a Xunta penaliza aos investigadores que pediron unha baixa por maternidade ou paternidade

Un total de 12 talentos científicos critican duramente ao Goberno galego por deixar “no limbo e sen contrato” a 34 investigadores posdoutorais durante un mínimo de 5 meses e favorecer a fuga de cerebros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/07/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Un total de 34 investigadores de alto nivel da promoción 2016 contratados polas tres universidades galegas a través do programa autonómico I2C de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral ficaron sen traballo e sen saber o que vai ser deles este pasado domingo 30 de xuño. Unha situación que se produce “pola falta de vontade e previsión” da Xunta de Galicia á hora de facilitar o seu tránsito entre a Modalidade A e a Modalidade B deste programa.

Nun escrito asinado por 12 deles son moi críticos coa Xunta por, penalizar, ademais, a aqueles que pediron unha baixa de maternidade ou paternidade, cando hai uns dias a conselleira de Política Social presentaba a Lei de Impulso Demográfico de Galicia que, supostmamente, contiña beneficios laborais para os pais e nais que solicitaran permisos de paternidade ou maternidade.

Cun orzamento no 2019 de máis de 8,5 millóns de € –medio millón menos que no 2018– o I2C é o programa de referencia para a captación e retención de talento científico en Galicia en convocatorias altamente competitivas. A nova convocatoria deste programa apareceu publicada no DOG do día 13 de Xuño de 2019 e prevé a sinatura de 21 novos contratos da Modalidade B o 1 de decembro de 2019. Este calendario supón que as persoas que pasen da Modalidade A, que abrangue tres anos de contrato, á Modalidade B, que amplía durante dous anos máis a súa vinculación coas universidades, ficarán como mínimo cinco meses desempregadas sen poder continuar coas súas respectivas investigación.

Segundo suliñan nun comunicado, isto afecta a 34 científicos de alto nivel que completaron a súa formación durante dous anos nos mellores centros de investigación do mundo financiados pola Xunta de Galicia. “É máis, os investigadores nin sequera saberán o estado da súa avaliación nin as posibilidades que terán de obter o novo contrato antes de solicitar a prestación por desemprego nas datas previstas pola administración”, denuncian.

Protesta de investigadores diante da reitoría
Protesta de investigadores diante da reitoría | Fonte: ASEMBLEA DE INVESTIGADORAS DE COMPOSTELA

Con todo, aclaran que esta situación non é nova, xa que se repite ano tras ano, mais desta vez “a Xunta baterá o seu propio récord de lentitude na avaliación de solicitudes, deixando pasar 171 días entre a publicación da convocatoria no DOG e a sinatura dos contratos da Modalidade B no mellor dos casos”.

PENALIZACIÓNS

Os 12 investigadores que asinan o escrito apuntan que o programa penaliza especialmente aos investigadores e investigadoras que soliciten baixas por maternidade ou paternidade, posto que estas persoas terán que agardar até a próxima convocatoria do programa rematen cando rematen o seu contrato “e sen saber se haberá convocatoria para o ano próximo”.

Esta situación discriminatoria afecta, en concreto, a tres investigadoras que solicitaron baixas por maternidade –María Alonso Alonso (UVigo), Susana Cid Fernández (USC) e Inés Viana González (UVigo)– e a un investigador que solicitou unha baixa por paternidade – Anxo Mena Rodríguez (UVigo). Ademais, outra investigadora –Vanessa Valdiglesias García (UDC)– decidiu renunciar á baixa por maternidade que lle correspondía legalmente por ser nai en 2018 para non perder a oportunidade de ser avaliada este ano e poder presentarse á convocatoria de 2019.

Varios representantes do colectivo de investigadores afectados reuníronse este luns 1 de xullo co persoal da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Os investigadores, que contan co apoio das tres universidades galegas, esixiron unha solución para a súa situación de precariedade e desamparo até que se publique a resolución da adxudicación das novas axudas correspondentes á Modalidade B, sendo a concesión de novos contratos a opción máis axeitada para tódalas partes.

“Esta medida non supón un gasto adicional para a Xunta de Galicia xa que queda diñeiro orzado na convocatoria do 2016 sen gastar debido a desvinculación de 15 investigadores do programa –segundo as nosas estimacións– é máis que suficiente para cubrir estes contratos até a resolución da Modalidade B”, indican.

Os afectados, ademais, pediron unha prórroga equivalente para aquelas persoas que solicitaran unha baixa de maternidade ou paternidade, de xeito que poidan seguir contratadas até a resolución do concurso que lles corresponda, e insistiron tamén na necesidade de estabilizar no tempo as convocatorias deste programa, sen os atrasos que se veñen acumulando dende o ano 2015, para evitar a repetición destes problemas no futuro.

Con todo, e segundo suliñan, a xuntanza rematou sen ningún compromiso pola banda da Xunta de Galicia, polo que os investigadores afectados denuncian que esta falta de interese do goberno galego por facilitar o tránsito entre as Modalidades A e B está a provocar que moitas persoas abandonen o programa para traballar noutras institucións do estado e doutros estados, “co prexuízo que esta fuga de cerebros implica para o conxunto da cidadanía galega no medio e longo prazo”.

Os investigadores que asinan o comunicado son:

Universidade de Santiago de Compostela
Dr. José Balsa Barreiro, Dra. Rebeca Blanco Rotea, Dra. Patricia Calvo González,
Dra. Susana Cid Fernández, Dr. Eudald Cortina Orero, Dr. José M. Costa García,
Dr. Javier Dubert Pérez, Dra. Nuria Ferreiro Domínguez, Dr. Alfonso Iglesias Amorín,
Dra. Elena Lendoiro Belío, Dr. Iván López Moreira, Dra. Cristiana Filipa Cazapal Monteiro,
Dr. Adrián Regos Sanz, Dra. Mar Sobral, Dr. José Suárez Otero,
Dr. José Manuel Costa García, Dra. Zulema Varela Río & Dr. Iván Villarmea Álvarez.

Universidade de Vigo
Dra. María Alonso Alonso, Dra. María Salomé Álvarez Álvarez, Dra. Lucía Díaz Vilariño,
Dra. María Figueiredo González, Dra. Ángela Fontán Bouzas, Dr. Alejandro Gómez Yepes,
Dr. Hugo López Fernández, Dra. Marta Marín Luna, Dr. Anxo Mena Rodríguez,
Dr. Alfonso Pita Bugallo, Dra. Patricia Reboredo Rodríguez & Dra. Inés Viana González.

Universidade da Coruña
Dra. Teresa Martínez Cortés, Dr. Haris Nalakath Abubackar, Dra. Eva Parga Dans,
Dra. Vanessa Valdiglesias García & Dr. Javier Veloso Freire.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta