Galicia, á avangarda europea na loita contra a avespa velutina

As universidades de Santiago e Vigo participan no maior proxecto europeo de loita contra avespa velutina. Entre os seus obxe tivos, seguir o seu rastro e poñer en marcha mecanismos de erradicación.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/07/2019 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) coordina o proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina), unha iniciativa na que colabora a USC e a Universidade de Vigo e que está considerada como o maior proxecto de investigación posto en marcha en Europa para frear a avespa asiática. O proxecto conta cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e a implicación de dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido e a colaboración doutros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia.

Entre os obxectivos de Atlantic-POSitiVE, no eido tecnolóxico fixouse a realización dun radioseguemento da avespa velutina ata os seus niños, desenvolvemento dun software para rexistrar o movemento das especies e dunha web colaborativa para as xestións relacionadas coa velutina, así como unha plataforma de predición en liña para a avaliación dinámica do risco de invasión e ferramentas estatísticas e tecnolóxicas para monitorear os cambios na súa distribución.

Do mesmo xeito, os expertos e expertas crearán un protocolo para a captura, rastrexo e vixilancia radioeléctrica de individuos de velutina, metodoloxías para a localización de niños e unha análise molecular de parasitos que poidan afectar a esta invasora e mecanismos para a súa distribución. Tamén se realizará un congreso científico internacional e unha campaña educativa e, tendo en conta a participación no proxecto de dous países que aínda non están afectados por esta invasión, ademais se traballará dende o eido da prevención, realizando un plan de acción contra a propagación en Reino Unido e Irlanda, así como sesións de formación para os apicultores irlandeses e británicos e o persoal da administración pública.

COLABORACIÓNS

No desenvolvemento do proxecto colaboran as universidades de Santiago e de Vigo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, a Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro, o Institut National de la Recherche Agronomique, a University College Cork e a University of Exeter. Por parte da USC participan os profesores Xulio Maside e Valerià Paül, este último en calidade de director da Fundación CEER. Paül destaca que esta iniciativa é froito de “esforzos para coordinar as colaboración previas das universidades e artellar un consorcio internacional no que tamén se atopan stakeholders, actores sociais e administracións públicas”.

O equipo da USC abordará o impacto económico desta invasión, extrapolando un estudo previo feito na provincia da Coruña, que apunta que os apicultores invisten o 20% dos ingresos do mel en métodos de loita. Tamén estudarán as pautas e factores ambientais e biolóxicos que determinan a propagación da praga e a súa densidade, e colaborarán coa UVigo no deseño de métodos que permitan minimizar a poboación de velutinas cun mínimo impacto ecolóxico nas poboacións autóctonas, xa que os que se empregan actualmente, “como os insecticidas ou explosivos son perigosos para o ecosistema”, lembra Xulio Maside.

O profesor da USC destaca que o sistema máis efectivo e respectuoso coa contorna “son as trampas eléctricas” que atrapan ás velutinas pero deixan pasar a especies de menor tamaño. Unha cuarta liña de traballo céntrase nos estudos biolóxicos que poden explicar o éxito desta invasión, poñendo a proba algunhas hipóteses previas, “como o feito de que as comunidades de parasitos que afectan ás especies invasoras poden ser moito máis reducidas que os parasitos que afectan ás especies autóctonas”.

A avispa invasora 'vespa velutina'. CARLES LOPEZ BUSTINS
A avispa invasora 'vespa velutina'. CARLES LOPEZ BUSTINS | Fonte: UNIÓ DE PAGESOS - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta