Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2019 | Actualizada ás 20:30
En Marea celebrou este sábado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) o seu quinto plenario, e o primeiro tras a fractura definitiva do espazo político da chamada 'unidade popular', onde puxo un "punto e aparte" e redefiniuse como un "proxecto progresista para Galicia" co obxectivo de "reverter a precariedade das clases traballadoras".
Así o sinalou en declaracións aos medios o seu portavoz, Luís Villares, quen subliñou que "o que queda de En Marea é unha marea ilusionada, de xente independente, que se foi unindo ao proxecto desde o ciudadanismo". Con este conclave En Marea certificou o "punto e aparte", tras a súa saída cara ao grupo mixto no Parlamento de Galicia.
"O proxecto de En Marea é de inscrición individual, unha marea soberana, que está convencida de que existe un espazo político galego dentro do bloque progresista que sen En Marea estaría orfo", subliñou Villares, tras criticar que Podemos "abandonase a transversalidade das políticas progresistas" e que as políticas económicas do PSOE "non son capaces de satisfacer esas grandes capas da sociedade que están hoxe precarizadas".
Neste sentido, definiu a En Marea como unha forza política que pon o acento no "feminismo e no ecoloxismo político", así como na "transversalidade das políticas progresistas". Tamén indicou que se trata dun proxecto de país "amplo" que, ao seu xuízo, "non está representado polo BNG".
No conclave, ante case 200 persoas, En Marea reflexionou "sobre o camiño percorrido durante os últimos anos pola 'unidade popular' que acabaron coa súa fractura. "Foi a certificación da imposibilidade de conxugar sempre, co nivel de coordinación desexable, as persoas que traballaban a título individual e as cúpulas dos partidos, que impedían un traballo san", lamentou.
Para o portavoz de En Marea, o "reto" do seu partido é aproveitar o ano que queda ata as próximas eleccións autonómicas de 2020 para "lanzar propostas en positivo" e "deixar ben claro" que é e que quere representar En Marea.
LIÑAS POLÍTICAS
Entre as liñas políticas de En Marea, Luís Villares subliñou o seu "compromiso" cunha "idea de país no que colla todo o mundo". O partido sinálase como "un espazo progresista, que asume os valores do ecofeminismo" e que pon o foco no desenvolvemento tecnolóxico "limpo" que cre "postos de traballo de gran valor engadido".
Preguntado sobre se descartan presentarse ás eleccións en coalición con outros partidos, indicou que o deste sábado era un "debate de definición" tras a "ruptura". Sobre isto, o portavoz indicou que a unidade "ten sentido se permite conseguir mellor os fins propostos".
"Neste tres anos as pelexas por parte daqueles que non crían na unidade impedíronnos explicar un programa político e as solucións aos problemas da Xunta de Galicia", indicou. "Chegamos á conclusión de que existe un espazo progresista galego, amplo, que cre no país. É o que quere representar En Marea. A partir de definir quen somos, terá sentido exporse con quen queremos concorrer", sentenciou Villares.
ILUSIÓN
Pola súa banda, a viceportavoz de En Marea, Ana Seijas, subliñou que En Marea está "en movemento" e "ilusionada para seguir avanzando". Segundo ela, este plenario serviu para "finalizar o proceso de reflexión conxunta" que iniciou o partido en xuño coas súas asembleas.
Para iso, debatéronse os documentos presentados e as diferentes propostas e "deuse espazo de micro aberto para que todo o mundo teña a liberdade de expresar o que pensa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.