Nova sentenza do TSXG contra a Xunta pola concesión arbitraria de comisións de servizo a dedo

“Vai rematando a época das comisións de servizo arbitrarias e eternas e parece mentira que no 2019 aínda esteamos así”, apunta a CIG-Administración.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/07/2019 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O TSXG acaba de ditar o pasado 3 de xullo unha nova sentenza contra a concesión arbitraria, por parte da Xunta, de comisións de servizo. Esta sentenza incide noutra do pasado ano na que tamén critica as mesmas prácticas laborais.

San Caetano. EUROPA PRESS - Archivo
San Caetano. EUROPA PRESS - Archivo

Así, o TSXG destaca que nas comisións de servizo non basta só con que a persoa adxudicataria cumpra os requisitos de idoneidade. Recoñece que, cando sexan varias as persoas solicitantes, é necesario que se exterioricen as razóns polas que se elixe a unha das persoas peticionarias e se lles notifique a todas elas a decisión final para darlle posibilidade de impugnación.

“Desde a CIG valoramos positivamente esta sentenza que non vai a eliminar de raíz a arbitrariedade no reparto das comisións de servizo, pero vaille a obrigar á Administración a botarlle máis imaxinación á hora de motivar por que unha persoa candidata é preferible sobre outra”, apunta a central sindical nun comunicado. “Así pois, permitirá unha comparación, que si pode ser controlable polos xulgados”, engade.

Por iso, esixe que desde a Dirección Xeral de Función Pública se vele polo cumprimento da legalidade e xurisprudencia en todas as resolucións das comisións tras a sentenza anterior de 2018. “Vai rematando a época das comisións de servizo arbitrarias e eternas e parece mentira que no 2019 aínda esteamos así”, apunta a CIG-Administración.

Por iso, este sindicato incide na necesidade de que se coñezan os criterios de selección deste tipo de comisións e que foran, previamente, publicados, para evitar arbitrariedades nas eleccións de persoas afíns ao partido no poder.  Tamén pide que este tipo de comisións de servizo sexan “realmente excepcionais e transitorias” porque, insiste, o normal sería o “concurso aberto permanente”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta