Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 19:36
Reganosa cumprirá "en forma e fondo" con "todo o que a Administración e os tribunais digan", pero segue "funcionando con normalidade" e subliña que ten "en vigor todos os permisos necesarios". Así se pronuncian fontes de Reganosa sobre a sentenza do Tribunal Supremo que declara nula a exención dun trámite de avaliación de impacto ambiental que concedeu o Goberno de Rajoy en funcións en 2016.
Respecto diso, precisan que o fallo "non anula unha actuación ou autorización" e subliñan que o tribunal "expresamente rexeita a pretensión da parte recorrente de anular a autorización administrativa coa que actualmente opera Reganosa".
Do mesmo xeito, tamén chaman a atención sobre que "desestima a súa petición de ordenar a paralización da terminal e a derriba das instalacións".
Neste escenario, Reganosa reivindica o seu labor desde "a responsabilidade que supón desenvolver unha actividade regulada de interese xeral e fundamental para a seguridade da subministración do sistema gasista".
E engade que esta sentenza "non anula unha actuación ou autorización de Reganosa, senón que considera que 'non nos atopamos cun remedio de urxencia co que atender unha situación extraordinaria e de imposible previsión".
"NON AFECTA O TRANSPORTE"
Por iso, conclúe que o Supremo "non se pronuncia sobre a autorización en si, senón sobre un acordo do Goberno que forma parte do expediente de autorización".
"Non afecta de ningunha maneira á certificación de TSO (xestores da rede de transporte) de Reganosa nin ás súas actividades de I+D nin ao seu negocio de transporte", resolve. "O fallo unicamente concerne a un dos activos que controla o grupo enerxético", finaliza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.