Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2019 | Actualizada ás 14:24
Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) reivindicará que a Xustiza poña fin á "impunidade franquista" na homenaxe nacional que lembra ás vítimas do Franquismo deste domingo. Nesta décima edición, a coordinadora de colectivos da memoria decidiu dedicar o evento a Darío Rivas, o impulsor da querela arxentina contra a Ditadura de Franco.
O evento desenvolverase na illa de San Simón (Pontevedra) e a organización informou que prevé a asistencia dunhas 500 persoas que se desprazarán ata o arquipélago para "participar nun acto reivindicativo" e "homenaxear" a Rivas, quen participou neste acontecemento en 2015 e faleceu en abril.
Ao mesmo tempo, Iniciativa Galega tamén pretende denunciar a existencia dunha "xustiza ao revés", que "ampara ao Franco e á herdanza ideolóxica da ditadura" mentres que "xulga a quen loitan por acabar coa impunidade e co relato imposto".
Neste sentido, o acto contará coa intervención do historiador Carlos Babío, denunciado pola familia do ditador tras afirmar que o Pazo de Meirás chegou ao Franco por "unha compra fraudulenta". Xunto a el, tamén estará o investigador Moncho Hermida, que falará sobre "a necesidade de pór nome aos verdugos na Galicia posterior ao golpe de Estado de 1936", segundo explicou a organizadora.
Outra das actividades preparadas é 'Roteiros de memoria', que versará sobre a etapa na que a Illa de San Simón foi un campo de concentración franquista onde se confinou a máis de 6.000 persoas en condicións "extremas". Por outra banda, despois do acto principal, 'Verbas no peirao' congregará a todas as persoas que queiran recitar poesía ou prosa en relación coa memoria da illa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.