O 77% dos galegos prefiren centros de acollida públicos para animais que canceiras privadas

Os animalistas reclaman que o abandono animal "deixe de ser un negocio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2019 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O 77% dos galegos prefiren centros de acollida públicos para animais que canceiras privadas, segundo unha enquisa realizada pola Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber.

Can en canceira.
Can en canceira.

Despois de consultar a 600 persoas de forma aleatoria, a maioría prefire que o rescate de animais o leve a cabo unha protectora ou administracións públicas fronte a empresas privadas. Un 16,66% decidiu non responder ou manifestou o seu descoñecemento sobre o asunto e o 6,34% apostou polo modelo empresarial, segundo os datos da ONG.

Os animalistas consideran que a sondaxe de opinión "avala a súa campaña" para reclamar que o abandono animal "deixe de ser un negocio", xa que existen municipios que chegan a pagar a compañías de capital privado ata 300 e 400 euros por can recollido, aínda que "xamais" sexa adoptado, mentres que os refuxios realizan un labor "sen apoio" por parte das administracións.

"RETORNAR Á XESTIÓN PÚBLICA"

A enquisa cidadá realizouse no momento do lanzamento da primeira campaña municipalista para "retornar á xestión pública un servizo destas características". Neste sentido, os animalistas contan con máis de 38.000 sinaturas na plataforma 'Change.org' e o apoio do grupo municipal de Marea Atlántica e Podemos Galicia.

Con todo, os defensores dos animais advertiron que non todos os modelos públicos funcionan, "como se demostra coa rede de canceiras da Deputación de Ourense, pouco máis que colectores para acumular cans sen que se desenvolvan políticas paralelas para fomentar a adopción e a convivencia responsable".

Fronte aos malos usos, a ONG expoñen un Centro de Acollida de Animais "con sacrificio cero, xestión ética e transparente" que, unida á participación cidadá, dará "un resultado máis eficiente a medio prazo no económico que pagar a unha empresa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta