DXT prevé 320.000 desprazamentos na Operación 1 de agosto no noroeste peninsular

Augura retencións nas entradas ás principais cidades e nas praias galegas para este mércores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2019 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé uns 320.000 desprazamentos no noroeste peninsular (que aglutina Galicia, Asturias e parte de Castela e León) durante a Operación '1 de agosto', que se inicia na tarde deste mércores. Así, a DXT calcula que dos preto de 2,9 millóns de desprazamentos por estrada que levarán a cabo estes días, un 11% (319.000) realizaranse no noroeste peninsular.

Desta maneira, augura retencións nas entradas ás principais cidades galegas e nas localidades costeiras da Comunidade para a tarde deste mércores e para o xoves debido ao aumento dos desprazamentos de persoas que inician as súas vacacións ou as terminan no mes de agosto.

Así, na provincia da Coruña, a DXT indicou que as horas con maior intensidade de tráfico serán entre as 15,00 horas e as 23,00 horas deste mércores e as 14,00 horas e as 22,00 horas do xoves. Alí, algunhas das estradas que se verán afectadas son a AC-12 (N-V), nos seus accesos á Coruña por Perillo e San Pedro de Nos, así como a AC-11 nos seus accesos por Alfonso Molina, Palavea e Portazgo.

Entre outras, tamén se esperan retencións na AP-9 na peaxe de Teo dirección Santiago, así como na A-6 saída cara a AP-9 en sentido cara á cidade herculina. Tamén os accesos á Coruña desde a Costa da Morte da AG-55 terán máis vehículos dos habituais.

"PUNTOS CONFLITIVOS"

Pola súa banda, na provincia de Lugo espéranse retencións en varias estradas para os mesmos días, aínda que a DXT augura que este mércores se estenderán ata as 24,00 horas e o xoves alongaranse desde as 10,00 horas ata a medianoite.

Así, os puntos "conflitivos" serán a LU-P-6412 polo seu interese turístico, xa que dirixe ao Fuciño do Porco, así como a LU-P-0610 na ligazón praias Altar-Reinante-Vos Castros e a A-8 entre Mondoñedo e Abadín, porque se esperan néboas.

En cando á provincia de Ourense, a Dirección Xeral de Tráfico tamén espera que o xoves os desprazamentos xa se inicien de mañá. As estradas que terán retencións a partir deste martes á tarde serán a N-120 nos seus accesos ao centro da cidade, mentres que haberá tráfico intenso na N-525 nos accesos Ponte Novísimo, Centro, OU-11, A-52 e entroncamento con N-120.

PRAIAS PONTEVEDRESAS

Na provincia de Pontevedra a maior parte das retencións centraranse nas praias. Así, a PO-308 en Poio será un punto conflitivo ao tratarse dunha estrada utilizada para acceder aos areais, así como a AP-9 na súa saída AG-41 e esta estrada en Sanxenxo.

Tamén na AG-46 en Rande e Cangas haberá tránsito de vehículos para retornar das praias. A A-55 na súa entrada en Vigo e na ligazón coa AP-9 e a AG-57 tamén terá retencións.

Ademais, na Comunidade, prohíbese a circulación de mercadorías perigosas este mércores, 31 de xullo, de 13,00 a 24,00 horas, e o xoves 1, de 8,00 a 15,00 horas. Co fin de facilitar a circulación, vanse paralizar todas aquelas obras que actualmente se realizan na rede viaria que afecten á plataforma de circulación e zona de influencia da estrada desde as 13.00 horas do mércores ata as 24.00 horas do xoves.

Imegan dun atasco na estrada.. EUROPA PRESS - Arquivo
Imegan dun atasco na estrada.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta