Por Galicia Confidencial | | 29/03/2012 | Actualizada ás 01:21
No sector da prensa existía a posibilidade de secundar o paro o mércores. Nalgunhas empresas importantes, como en Faro de Vigo, secundouse onte, cun seguimento maior que noutras ocasións. Con todo, o xornal olívico logrou completar unha edición única. Está por ver se é quen agora de distribuíla, pois a rotativa do faro foi unha das paralizadas no paro do ano pasado. Noutro xornal, La Voz de Galicia, os traballadores decidiron facer folga o xoves.
"Mañá non se publicarán nin Faro de Vigo (100% de paro) nin a edición galega de El País" adianta a CIG.
Por outra banda, arestora confírmase o paro total na recollida de lixo en Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ourense e Lugo.
Industria
Outro sector clave para avaliar o éxito das primeiras horas dunha folga xeral é a industria. No naval de Vigo hai "100% de seguimento en Navantia Ferrol, Navantia Fene, e en Rodman Polyships", segundo Comisións Obreiras. En Vigo rexístrase, de acordo á CIG, a "paralización total da actividade portuaria". Na comarca da Coruña, o seguimento tamén é total en Zara loxística, de acordo á versión dos proletarios. Na capital herculina o seguimento tamén é total na empresa de xardíns CESPA. En Santiago no polígono do Tambre xa parou Castrosúa. Na capital de Galicia os piquetes informativos comezaron a súa ronda polos comercios do centro. A Policía protexe arestora o establecemento Opencor.
Polémica en Santiago
Haberá manifestacións na práctica totalidade de cidades e vilas do país. Os horarios das protestas poden consultarse aquí.
Unha das manifestacións de Santiago nace con polémica. O Concello negou á CIG o permiso para usar a toma de luz nas Praterías, polo que non se poderá usar en principio a megafonía. O sindicato nacionalista denuncia "a actitude antidemocrática, antisindical e contraria a dereito" do alcalde conservador Xerardo Conde Roa.
Transportes afectados
A nivel de transportes, os servizos públicos xa anunciaron moitas cancelacións. Nos aeroportos do país hai case 20 voos que non saíran na Coruña, dez en Compostela e 28 en Vigo. Suman un total de 58 conexións inactivas.
Nos trens rexionais o seguimento será total. Unicamente funcionarán unhas poucas conexións do Feve dende Ferrol. Os servizos mínimos determinados pola Administración garanten conexións de autobuses entre case todas as cidades galegas, pero con menos frecuencia do habitual.
Os últimos datos da folga pódense seguir en directo na caixa de 'twitts' na portada do GC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.