Por Paco Gallego | Santiago de Compostela - Málaga | 05/04/2012 | Actualizada ás 14:05
A fita, de Diplodocus Producións, é un percorrido polos 600 quilómetros que durante tantos anos conectaban Galicia e Madrid. Antes viaxabamos por estradas que atravesaban lugares habitados. Hoxe, aquelas estradas foron substituídas por autoestradas illadas da paisaxe que atravesan. Durante moito tempo, a nosa N-VI foi unha das estradas máis importantes de España. Unía Madrid con Galicia ao longo de 600 km. Agora a autovía A-6 cobre todo o traxecto. Algúns tramos da vella N-VI desapareceron, outros quedaron case abandonados, como illas á deriva, quilómetros de asfalto que empezan e rematan en ningunha parte, e con eles as aldeas e pobos que atravesaban. Lugares de paso onde aparentemente xa non acontece nada. Nas marxes daquela estrada, permanecen os seus habitantes, cuxas vidas quedaron encalladas nun presente sen demasiado futuro, desconectados entre si, como compartimentos estancos nos que cada un dialoga ao seu xeito co paso do tempo.
“Hai un tempo, encargáronme un traballo sobre os viadutos da nova autovía A-6. Ao fotografalos dende o alto dunha montaña, reparei en que a antiga estrada seguía alí, esquecida e sinuosa”, fixa este intre o realizador como orixe do proxecto. “Esa imaxe foi a que me fixo tomar conciencia do cambio e por vez primeira vez pensei en todo o que deixaramos atrás”, di. “N-VI é unha viaxe que indaga na estreita relación entre as persoas e o territorio que habitan”, conclúe del Álamo. O documental comezou a súa andaina co apoio do Festival Play-Doc e da desaparecida Axencia Audiovisual Galega, cos que o director amósase “especialmente agradecido”. Ademais conta co apoio da Junta de Castilla y León, a Xunta de Galicia e o Consorcio Audiovisual de Galicia.
Pela del álamo iniciou a súa carreira profesional no ano 2001 e dende entón traballou en publicidade, ficción e televisión. En 2005 crea Diplodocus Producións e empeza a combinar esa actividade profesional cos seus proxectos propios, sempre no ámbito do cine documental. Dende o ano 2009 participa no laboratorio "O retrato filmado", coordinado por Marta Andreu e organizado polo festival Play-Doc. Entre outras pezas, produciu e dirixiu “A Cuarta Pista” (2006), finalista do DOC'AMATEUR 06 organizado por Canal +.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.