O casco histórico de Compostela distribúe bolsas reutilizables para frear o uso do plástico

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sinalou a "firme aposta polo medio ambiente" para "unha comunidade máis verde e azul" e para que a "cidade tome nota".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, Compostela Monumental (organización comercial e empresarial do centro histórico) e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) presentaron este venres a campaña de bolsas 'Recicla, Reduce e Reutiliza' que pretende frear o consumo de plástico coa distribución de bolsas reutilizables. A través deste convenio distribuiranse 53.000 bolsas de tamaño pequeno entre os comercios do centro histórico co lema 'Eu compro no centro histórico de Santiago de Compostela'.

Na presentación interviñeron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o presidente de Compostela Monumental, José Manuel Bello Rey; e acompañounos o presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino.

A conselleira comentou que as bolsas están destinadas a "souvenirs e a xoiaría" entre outros, para subscribir un "contrato verbal coa sociedade". Un dos obxectivos consiste en cumprir o propósito da Xunta da "redución do 80% do consumo de bolsas de plástico" de cara ao 2025.

Vázquez sinalou a "firme aposta polo medio ambiente" para "unha comunidade máis verde e azul" cunha campaña "moderna", para que a "cidade tome nota" e se concience dunha "economía circular".

SENSIBILIZAR NAS COMPRAS

O presidente de Compostela Monumental explicou, pola súa banda, que a iniciativa pretende "pór en valor o medio ambiente nos centros históricos" ao ser Compostela "a xoia da coroa en visitas" e así "sensibilizar a través das compras", apostilou.

Bello sinalou que "non hai mellor publicidade que unha bolsa para dar a coñecer á nosa comunidade" e que, tras comezar a repartición o pasado xoves, percibiu "a boa sensación da xente".

Ademais, considerou que o Premio Nacional de Comercio reflicte o "éxito" da entidade, aínda que, pola súa banda, gustaríalle "engadir máis papeleiras" no centro histórico, pero apuntou que ese non é o seu traballo.

Campaña de bolsas reutilizables 'Recicla, Reduce, Reutiliza'. XUNTA
Campaña de bolsas reutilizables 'Recicla, Reduce, Reutiliza'. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta