Caen máis dun 15% tanto as exportacións como as importacións en xuño en Galicia

Significativa diminución das vendas a países como Francia (-18,1%), Italia (-25,1%), Bélxica (-41,2%) e Portugal (-9,7%).

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/08/2019 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Tanto as exportacións como as importacións diminuíron máis dun 15% en xuño en Galicia en relación co mesmo mes do ano anterior, segundo datos que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, as exportacións baixaron un 15,1% e no que vai de ano acumulan unha caída do 10%. Os produtos con maior repercusión negativa nas exportacións de xuño foron os vehículos automóbiles e tractores, que repercuten en -8,2 puntos e representan o 25,1% das exportacións galegas.

Pola contra, os produtos con maior influencia positiva foron os barcos e embarcacións que, cun peso do 1,6% sobre o total das exportacións, repercuten en 1,3 puntos na taxa de variación das exportacións.

Pola súa banda, as importacións reducíronse un 15,5% respecto ao mesmo mes de 2018, aínda que no conxunto do ano rexistran un ascenso do 3,8%.

Os produtos que máis negativamente influíron nas importacións en xuño foron os combustibles e aceites minerais, que representan o 13,8% das importacións galegas e achegan -9,3 puntos á taxa de variación das importacións. Pola contra, as maiores repercusións positivas atópanse en cereais que, cun peso do 1,1% sobre o total das importacións, repercuten en 0,6 puntos.

As expedicións dirixidas á UE-28 (76,7% do total) presentan unha taxa de variación interanual do -12,9%. En concreto, prodúcese unha diminución das vendas a países cos que o peso das exportacións galegas é significativo, entre eles Francia (-18,1%), Italia (-25,1%), Bélxica (-41,2%) e Portugal (-9,7%); mentres que Polonia (17,2%), Irlanda (40,5%) e Romanía (15,7%) ascenden.

No caso das introducións da UE-28, que neste mes de xuño representan un 58,9% do total, hai un retroceso do 3,9%, fundamentalmente como consecuencia de menos compras a Francia (-9,3%) e Portugal (-17,2%); aínda que as procedentes do Reino Unido aumenten un 59%.

Con respecto ao resto de países e no referente ás exportacións, destaca o aumento das dirixidas cara Oriente Medio fronte á diminución das que teñen como destino os Estados Unidos. Mentres, no que respecta ás importacións, aumentan as procedentes de Marrocos e diminúen as de Oriente Medio.

BAIXA O PESO DE GALICIA

O peso de Galicia no conxunto de España, en xuño de 2019, ascende ao 6,6% no total de exportacións e ao 5,7% nas importacións, e presenta unhas taxas de variación interanual do -15,1% e do -15,5% respectivamente.

Pola súa banda, o aumento das exportacións en España no mes de xuño (0,9%) vén explicado pola evolución positiva de nove comunidades autónomas, entre as que sobresaen Madrid e Asturias, que achegan en conxunto 3 puntos positivos á taxa de variación das exportacións.

En canto ás importacións, a diminución do 2,6% no conxunto do Estado está provocado pola baixada rexistrada en doce comunidades autónomas, e destaca principalmente Galicia, que resta 1 punto á taxa de variación das importacións.

A descarga realizarase durante os próximos días. AUTORIDADE PORTUARIA - Arquivo
A descarga realizarase durante os próximos días. AUTORIDADE PORTUARIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta