Jácome, sobre a actitude co funcionario do PSOE: "Hai xente que considera acoso dicir as verdades"

Abre un expediente para aclarar se houbo "neglixencia" ao dar un mes vacacións de verán aos bombeiros e "deixar o corpo en precario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2019 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, volveu referirse á necesidade de regularizar as prazas dos interinos "metidos pola porta de atrás" para incidir, en relación a un técnico da administración xeral no Concello de Ourense que "entrou provisionalmente e leva máis dunha década". "Hai xente que considera acoso dicir as verdades", sostivo.

O traballador municipal, militante do PSOE, presentou un escrito dirixido ao alcalde de Ourense no que denunciou "o evidente acoso que estaba a sufrir por parte do rexedor, por causa das súas ideas políticas".

Así mesmo, o alcalde de Ourense mostrou a intención de convocar "xa" prazas no Concello para substituír as "prazas inestables" de persoas interinas que "no seu día foron metidas pola porta de atrás e que levan máis dunha década".

"Hai que sacar unhas prazas para regularizar estas situacións, ben sexa para xente nova ou para que os que están, se realmente son os mellores, consoliden a praza", explicou o rexedor.

ORZAMENTOS

Por outra banda, no tema dos orzamentos, o rexedor mantivo "a previsión de aprobar a Relación de Postos de Traballo no mes de setembro" para, a continuación, "aprobar os orzamentos de maneira provisional en novembro". A aprobación definitiva estímase no mes de xaneiro ou febreiro.

Ademais, o alcalde tamén mostrou a súa intención de levar "outra vez" a pleno a súa compatibilidade, "por unha razón de transparencia", a pesar de que "a lei xa a contempla".

A este respecto, cargou contra PSOE, BNG e Cs, dos que di que "a ignorancia falou pola súa boca" porque "non entenden" que non se trata de compatibilizar o tempo, "senón de ter uns ingresos sen que ocupe ningún tempo do exercicio como alcalde".

UN SISTEMA QUE ESTABLEZA PRAZOS

Por outra banda, co fin de axilizar a maquinaria municipal, o rexedor dixo que se implantará un "sistema que estableza os tempos máximos que se deben cumprir para elaborar cada informe solicitado" e no caso de que non ocorra así, "serán os responsables os que deban dar conta dos motivos".

No entanto, o sistema aínda "tardará uns meses", afirmou, porque antes hai que escribir o protocolo de cada expediente e, a continuación, informatizalo para que despois funcione de maneira automática, detallou Jácome.

BOMBEIROS

Preguntado pola falta de efectivos de bombeiros, o alcalde indicou que "se abrirán dous expedientes informativos", despois de "decatarse" de que "houbo bombeiros que non fixeron as gardas segundo mandar" e que "a persoa encargada de deseñar as gardas non tomou as medidas pertinentes para non estar en precario".

Neste contexto, Jácome expresou que "o xefe de bombeiros deu un mes vacacións de verán ao persoal cando iso abocaba a deixar o corpo en precario" e resaltou que "só é obrigatorio dar 15 días seguidos de descanso" , no caso do mes "é opcional".

"O xefe de bombeiros debeu partir as vacacións para non estar en precario", insistiu. "É posible que cometese unha neglixencia co cal haberá que abrir un expediente informativo e, a continuación, comprobar se hai que depurar responsabilidades administrativas", concluíu.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta