A Xunta inspeccionou a provedora de conservas de DIA despois da alerta e non detectou "ningunha anomalía"

A consellería de Sanidade indica que despois da notificación por parte da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, comezou "con carácter inmediato" a solicitar información "complementaria".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/08/2019 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade realizou, despois de recibir a alerta, unha inspección en Frinsa do Noroeste, a empresa provedora das latas de atún polas que se decretou un brote de intoxicación alimentaria por toxina botulínica, e non detectou "ningunha anomalía" no tratamento para as conservas, tras verificar os controis de produción e os procesos de esterilización.

Diso informa nun comunicado de prensa a consellería, que indica que despois da notificación por parte da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, comezou "con carácter inmediato" a solicitar información "complementaria", do mesmo xeito que o resto de comunidades requiridas.

Asegura que identificou "que todo o produto implicado foi fornecido" a DIA, empresa distribuidora, "non existindo máis existencias fóra dese distribuidor". E engade que "paralelamente" mantivo "contacto permanente" coa comunidade autónoma de Castela e León para "avaliar a rastrexabilidade dos restantes produtos empregados no menú que supostamente causou esta intoxicación puntual".

NOVA INSPECCIÓN ESTE VENRES

Saúde Pública realizou na mañá deste venres unha nova inspección "complementaria", ao recibir a comunicación da axencia da confirmación da presenza de toxina botulínica na mostra do produto aberto e empregado no prato elaborado polos pacientes. Os casos detectáronse en Castela e León e os pacientes foron ingresados no Complexo Asistencial de Salamanca e de Zamora.

"Esta visita á industria de hoxe pola mañá tivo por obxecto verificar o mantemento preventivo ao que se somete o autoclave no que se elaborou o lote identificado previamente", explica Sanidade. O departamento autonómico tamén solicitou á empresa un novo estudo de distribución de temperatura e test de penetración da calor do autoclave implicado, co obxecto de verificar "o correcto funcionamento do mesmo".

A axencia trasladou o día 12, segundo a Xunta, ás comunidades autónomas de Asturias, Castela e León, Madrid e Galicia "unha alerta ante a sospeita de catro casos de botulismo por unha posible intoxicación alimentaria, despois dunha comida familiar na que o menú incluía ensaladilla". A inspección en Frinsa realizouse o día 13.

Supermercado Dia. EUROPA PRESS - Arquivo
Supermercado Dia. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta