Maios en Leiro

A Asociación Álvaro das Casas coa colaboración do Concello de Leiro convocan un ano máis a festa dos maios. Será o vindeiro día trece. Unha tradición que segundo o etnógrafo Clodio González Pérez pervivíu non se sabe desde cando ata 1930 que foi cando deixaron de celebrarse.

Por Xosé Glez. | Redondela | 28/04/2012

Comparte esta noticia

O Sr. Cerviño Ameixeiras, memoria viva, lembraba como na súa mocidade os nenos e nenas da contorna baixaban  á  praza da Vila para cantar os maios. Con máis de setenta anos cantou para os rapaces unhas coplas que aprendera da súa nai: “Este é o maio/ maiño é./Este é o maio/que baila de pé./ Eu levéille o maio/a unha costeira/e non tiña que dar/ máis que a punta da tixeira”.

Recuperouse a tradición no 2004. Se daquela foran catro os grupos  que acudiran á convocatoria, o ano pasado o número triplicouse. É unha ledicia ver a centos de nenos e nenas acompañados dos seus familiares e profesores enchendo a praza de Leiro. Celso Domínguez, que é un acreditado dinamizador cultural naquelas terras do Avia, voltará a  mobilizar á comunidade escolar da comarca do Ribeiro. Nesta tarefa conta coa axuda da Coral Val do Avia, que tamén dirixe, e con Cándido Vázquez da casa de turismo rural dos Ulloa, que  noutrora foi moradía de Álvaro das Casas.

Este ano a participación será  máis numerosa cá en anos anteriores. Nenos e nenas de Berán, Ribadavia, Santa Cruz de Arrabaldo, Cenlle, San Amaro, Carballeda de Avia, Beade...acudirán con cadanseu maio a escenificar o rexurdir das nosas tradicións, tal e como querían o poeta e ex presidente da Real Academia don Eladio Rodriguez González e o P. Sobreira, erudito beadense,  que este ano será estudado nun  curso universitario promovido pola Asociación Álvaro das Casas e Universidade de Vigo.

A festa dos maios é unha oportunidade para procurarmos que as novas xeracións teñan querencia polo noso patrimonio cultural e as súas manifestacións populares. As institucións públicas, os movementos sociais e a comunidade escolar deben apoiar esta festa na que o inxenio e a estética van da mesma man. A enxebreza da tradición, que tanto arraigo tivo na comarca do Ribeiro do Avia, debe volver aos seus escenarios naturais – rueiros e prazas- para avivarmos a nosa identidade, sempre ameazada por outras manifestacións culturais alleas.

Neste renacer da nosa conciencia adormecida a festa dos maios é o medio máis eficaz para transmitirlles ás novas xeracións de rapaces a nosa cultura  e lingua. Nesta tarefa deberían participar con pequenas achegas os colleiteiros e adegueiros. O viño, as tradicións e a cultura, deben camiñar xuntos. Os beneficios serían recíprocos. A cultura é a base sobre a cal se debe artellar unha sociedade. Procurar nela o espazo común é a mellor  maneira de cohesionar a un pobo e optimizar as súas potencialidades. Investir na infancia e na cultura é garantir o éxito para o futuro dunha comarca  que ten que deseñar a súa estratexia para fixar poboación e dinamizar as posibilidades económicas do seu territorio.

En Leiro o pasado ten futuro. Esta é a divisa da  Asociación Álvaro das Casas para motivar  a reconstrución da cultura popular no Ribeiro.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA