Licitan un sistema para asistir a peregrinos con parada cardiorrespiratoria con axuda de drones

O sistema estará integrado coa Central de Coordinación do 061-Galicia que facilitará a asistencia sanitaria urxente mediante o envío precoz dun electrocardiógrafo e un desfibrilador.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2019 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, presentou este mércores a licitación, mediante a fórmula de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora, da contratación para o desenvolvemento dun servizo integral de cardioprotección no Camiño de Santiago por medio de vehículos aéreos non tripulados (UAVs).

Esta iniciativa, pioneira a nivel nacional e europeo, dixo o conselleiro, permitirá mellorar os tempos de asistencia aos peregrinos que sufran unha parada cardiorrespiratoria. A licitación, que conta coa implicación tanto da Consellería de Economía como das consellerías de Sanidade e Cultura e Turismo, ten un importe máximo de 1.149.500 euros, e o sistema deberá estar terminado, probado e validado en 2020.

O obxecto é a creación e validación dun proxecto piloto demostrativo de cardioprotección que consistirá nunha solución que, embarcada nun vehículo aéreo non tripulado (UAV), permitirá diagnosticar e tratar nun curto período de tempo a pacientes que sufran unha parada cardiorrespiratoria nun tramo do Camiño de Santiago.

Para contar cun Camiño saudable, o sistema estará integrado coa Central de Coordinación do 061-Galicia que, en chamadas ao servizo con sospeitas de parada cardiorrespiratoria, facilitará a asistencia sanitaria urxente mediante o envío precoz dun electrocardiógrafo e un desfibrilador, empregando medios aéreos non tripulados.

A iniciativa presentada este mércores compleméntase co proxecto 'Camiño de Santiago, espazo cardioprotegido', co que a Xunta incorpora desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos na Comunidade. Ademais, inclúe a formación do persoal destes albergues permitindo mellorar a cobertura sanitaria dos miles de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago nos distintos itinerarios oficiais no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria.

Dron con sistema radar
Dron con sistema radar | Fonte: UVigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta