O PP cualifica o líder dos socialistas galegos como "parvo útil" de Pedro Sánchez

Os 'populares' galegos acusan o presidente en funcións de empregar os fondos autonómicos como "instrumento" de "chantaxe" para a investidura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tachou de "moroso" ao Goberno central pola débeda de 700 millóns de euros que reclama a Xunta de Galicia e lamentou que o PSdeG "rompa a unanimidade" dos grupos políticos galegos nesta reivindicación e que o seu líder, Gonzalo Caballero, actúe como "cómplice necesario ou parvo útil" do presidente do Executivo estatal en funcións, Pedro Sánchez.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

O número dous dos populares galegos lembrou aos socialistas que os 75 deputados autonómicos se deben "única e exclusivamente a Galicia e aos galegos" por enriba de "intereses partidistas".

Segundo Tellado, Caballero "cre que a súa única función é converterse no palmeiro de Pedro Sánchez". A continuación, criticou que o líder do PSdeG, que "agora recoñece" que o Executivo en funcións "lle debe diñeiro" a Galicia, "mente descaradamente dicindo que non pode". "A realidade é que o Goberno pode, pero o Goberno non quere", subliñou.

O secretario xeral dos populares galegos criticou que desde Moncloa se "seguen negando" as partidas ás autonomías "cada vez con menos motivos e cada vez con menos capacidade de defender o indefendible".

Ademais, serviuse dun informe xurídico elaborado pola Xunta que argumenta que "non é verdade" que o Goberno non poida facer as transferencias por estar en funcións. "Cando non estaba en funcións tampouco o fixo", engadiu.

"Non hai motivos para que o Goberno de España reteña confiscados eses fondos que non lle pertencen", advertiu, á vez que manifestou as súas sospeitas de que Sánchez utiliza estes recursos "como instrumento necesario para unha chantaxe política" para sacar adiante a investidura.

URXE CONVOCAR O CONSELLO DE POLÍTICA FISCAL E FINANCEIRA

O secretario xeral do PPdeG suxeriu que sería "un erro desprezar" o informe xurídico da Xunta, que xa foi "estudado por outras comunidades" e que, segundo as súas palabras, propón "mecanismos" para liquidar o problema.

Por iso, urxiu a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira —órgano no que teñen representación o Goberno central e os autonómicos—, unha demanda da "inmensa maioría" das comunidades, para poder "debater" sobre esta cuestión.

Non obstante todo iso, insistiu en que a Xunta "seguirá prestando" os seus servizos públicos "con todas as garantías".

Tellado tamén envorcou as súas críticas no líder do PSdeG, a quen ve como "palmeiro" e "parvo útil" de Pedro Sánchez, e valorou que outros dirixentes autonómicos socialistas como Emiliano García-Page (Castela-A Mancha), Francina Armengol (Baleares) ou Susana Díaz (Andalucía) "defenden mellor" os intereses dos galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta