Extinguido o incendio do Parque Natural do Xurés tras arrasar con 150 hectáreas

Continúa controlado o lume que leva 465 hectáreas queimadas desde o xoves en Monforte de Lemos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2019 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural dá por extinguido o incendio forestal que afectaba o municipio de Lobeira (Ourense), que comezou o pasado xoves ás 7,50 horas da mañá. Segundo a última estimación, a superficie afectada foi de 150 hectáreas do Parque Natural do Xurés.

En concreto, o lume calcinou 30 hectáreas de monte arborado e 120 de raso da parroquia de San Xes de Vilariño. Nos traballos de extinción participaron un técnico, 18 axentes, 53 brigadas, 15 motobombas, dúas pas, sete helicópteros e sete avións.

Ademais, nas últimas horas quedou tamén extinguido o incendio forestal que afectaba desde última hora do venres ao municipio coruñés de Ribeira e que afectou a unha superficie de 197 hectáreas. No seu avance, tamén chegou ao concello veciño de Porto do Son.

Na súa extinción participaron 25 axentes, 43 brigadas, 24 motobombas, dúas pas, nove helicópteros e cinco avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

CONTROLADO O DE MONFORTE

Entre os incendios forestais de dimensións importantes que aínda afectan a Galicia, o lume de Monforte de Lemos (Lugo), o máis grande da tempada, continúa controlado desde o mediodía do venres, tras afectar a 465 hectáreas de terreo.

Na extinción deste incendio, iniciado o pasado xoves na parroquia de Seoane, traballan tres técnicos, 15 axentes, 75 brigadas, 30 motobombas, seis pas, 16 helicópteros e seis avións.

Incendio forestal no Parque Natural do Xurés
Incendio forestal no Parque Natural do Xurés | Fonte: Emerxencias Ourense @EmerxenciasOu

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta