Que pasaría en Galicia se hai unha nova repetición das eleccións xerais?

Á maior parte dos partidos presentes no Parlamento galego non lles interesa ter que voltar ás urnas en novembro por cuarta vez no que vai de ano. Só unha formación vería con máis interese que o resto unha repetición electoral.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/09/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Semella que o estado camiña cara a unhas novas eleccións xerais. Serían as cuartas en Galicia nun só ano, tendo en conta que nun mesmo día se votou para as municipais e as europeas, o pasado 26 de maio, e outra para as xerais, que foron o pasado 28 de abril. Unha repetición electoral que non todos os partidos galegos verían con bos ollos.

Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero
Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero | Fonte: Miguel Núñez

E é que tanto na esquerda, como na dereita en Galicia cren que o mellor sería ter un goberno canto antes, aínda que por moi diferentes razóns. Todos os partidos son conscientes de que, se hai que volver ás urnas en novembro, o resultado e as posteriores negociacións desa cita electoral, marcarán, e moito, a axenda electoral de Galicia no 2020, que é cando toca comicios galegos.

No PP hai a sensación de que unhas novas eleccións poden ser moito mellores que as de hai cinco meses, cando quedaron por debaixo dos socialistas en número de votos. Desta volta están convencidos que vai cambiar a situación e serán, novamente, o partido máis votado. Pero o temor dos populares non son tanto os resultados en Galicia, que sempre poderán vender coma unha victoria de cara ao 2020, senón que a figura de Pedro Sánchez poida saír reforzada, e con el, o conxunto do PSOE.

Por outra banda, tamén é moi probable que saia reforzado o PP de Pablo Casado nun momento de tensión entre as cúpulas populares de Galicia e Madrid. Un reforzamento da súa figura que afectaría, e moito, ás opcións de Feijóo, de converterse nunha alternativa ao seu liderato en Madrid. 

Outro aspecto a ter moi en conta de ter que ir ás urnas en novembro é o papel de Ciudadanos en Galicia tras a grave crise pola que está pasando este partido tras a negativa do seu líder, Albert Rivera, a pactar co PSOE. No PP cren que os laranxas terán moi difícil revalidar os resultados e poderían perder algún escano. Escanos que os populares agardan volver recuperar. 

Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo nun mitin en Nigrán (Pontevedra)
Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo nun mitin en Nigrán (Pontevedra)

ESQUERDA

Na esquerda están convencidos de que haberá desmobilización. Unha desmobilización que afectará, sobre todo, aos votantes socialistas e aos de Unidas Podemos e que favorecerá á dereita e a partidos nacionalistas, especialmente, o BNG.

No PSdeG o principal temor que existe é que os comicios deixen reforzado o poder do PP en Galicia ante a proximidade das autonómicas. Fontes consultadas cren que os resultados xogarían á contra a menos dun ano da cita coas galegas e poderían precipitar un adianto electoral por parte de Feijóo.  De non repetirse o escenario de hai cinco meses en Galicia –que é o probable--, o único que salvaría aos socialistas galegos é continuar aumentando a fenda do liderato na esquerda en Galicia e, sobre todo, que Pedro Sánchez saque máis deputados no conxunto de Madrid.

Pola súa banda, o espazo de confluencia de Podemos e Esquerda Unida, que se presentaron baixo a fórmula Galicia en Común- Unidas Podemos, podería resultar o máis afectado por unha repetición electoral. A desmobilización do seu electorado, o voto de castigo polas negociacións co PSOE, a visibilización da ruptura do espazo de En Marea e o distanciamento de actores que forman parte deste espazo, como Anova –que xa non participiou nesa coalición electoral--, poderían xogar na súa contra. Por iso, non se descarta unha fuga de apoios que pode beneficiar ao nacionalismo ou a outras opcións políticas.

De feito, no Bloque non descartan que, de repetirse os comicios, os votos cadren para voltar a Madrid tras varias lexislaturas ausentes do Congreso. Dirixentes teñen analizado ese posible escenario e cren que poderían rabuñar un representación na Coruña, e mesmo aspirarían a ter outro tamén na provincia de Pontevedra. Iso, sempre e cando, a desmobilización non afecte tamén ao seu nicho electoral, haxa pouca participación e manteñan o mesmo ou máis número de votos e que non haxa competición electoral no seu espazo. Un pequeno atranco que suporía a presentación de En Marea, de Luís Villares, como xa fixo nos anteriores comicios.

OS OLLOS NAS GALEGAS

As principais forzas políticas galegas analizarían esta repetición electoral como un ensaio de cara ás eleccións galegas. E nesta análise habería varios factores a ter en conta; se gañan as dereitas ou gañan as esquerdas.

E as extrapolacións serían obvias. No caso de que sexan as dereitas, se o PP precisará dos votos de C's para conservar a Xunta e no caso das esquerdas, como quedaría a correlación de forzas, cun nacionalismo que podería competir con Unidas Podemos a segunda posición no Parlamento galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Moine

Nom sei, penso que na Galiza vai-se votar como sempre; aos que mandam, sejam PP ou seja PSOE. Um grande sector dos galegos carece de consciência política com respeito a si mesmo como povo e naçom, só aceita o ser galego por acidente, e assi imos a nengures; que no que hoje estamos. As famílias galegas só tenhem estes recursos para sobrevir: convertesse em funcionários do Estado espanhol ou emigrar. Alguém é responsável que nom tenhamos “pam” na nossa Terra, os votantes PPSOE.

3 Carlos_G

POis o BNG non nesta a facer moito por subir de votos nesas hipoteticas novas eleccions... estan todos de perfil moi baixo

1 Vicente Vázquez

Concordo, o BNG semella estar a se deixar levar pola comodidade de gañar uns pouquiños votos máis en cada elección. Tanto "autogustarse" rematará por facelo irrelevante. Ou comeza a multiplicar a súa presenza na sociedade galega, en todos os eidos, ou nas vindeiras eleccións estatais e nacionais os resultados serán frustrantes. Non estamos como pra nos deixar levar pola corrente de simpatía polo partido mentres Galiza desaparece do mapa político. Compre darlle lume a fondo á moto!

2 Galeguiña

A única dúbida é se o PP obtén maioría absoluta ou non. Se Feijóo non acada dita maioría, habería que preguntarlle a Caballero se pensa deixar gobernar á lista mais votada, (sempre o PP) como está él a pedir no caso de Sánchez, ou vai enredar coa estrema esquerda nacionalista do BNG.

1 JáEstáBem

Dígame vostede un só punto extremo do programa do BNG, algo que nom poida asinar calquera socialdemócrata. Ou pretende que creamos que querem socializar os médios de produçom e fazer koljoses no rural galego? Que atrevido é pôr etiquetas por pôr sem parar-se a pensa-las nim médio minuto...

1 Roxalia

Non sei de onde sacades iso de que o BNG podería subir. Cando no 2016 se repetiron as eleccións do 2015, o BNG baixou de 70 mil a 45 mil votos. Os únicos que suben cando se repiten eleccións son PSOE e PP, que teñen os votantes máis fieis e ademáis suman o voto do medo.

1 Limico

Pero filliña, que mal che fixo a ti o BNG???. Coido que te trabucas de enemigo.

2 Procesiones non

De que nas europeas que foron un mes máis tarde xa quedou por diante de Yolanda en común