Declarado culpable de asasinato o home que matou a outro diante da institución Pai Rubinos

O xurado popular, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considerouno, por unanimidade, culpable de asasinato, aínda que cunha atenuante "por combinación de trastorno da personalidade con limitación lixeira das súas facultades volitivas".

Por E.P. | A CORUÑA | 11/09/2019 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

O xurado popular considerou, por unanimidade, culpable dun delito de asasinato ao home xulgado por matar a outro ás portas da institución benéfica Pai Rubinos, na cidade herculina, en xaneiro de 2018, segundo o veredicto feito público esta tarde.

O xuízo, que comezou o luns na Audiencia Provincial da Coruña, celebrouse por segunda vez despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenase a súa repetición tras un recurso presentado pola defensa.

Nesta nova vista, e do mesmo xeito que ocorreu no primeiro xuízo, Fiscalía solicitou para o acusado unha pena de 17 anos de prisión por un delito de asasinato, ademais de indemnizacións para os familiares do falecido.

A defensa do home, que na anterior ocasión foi condenado a 15 anos e medio de cárcere por asasinato con aleivosía, considerou os feitos un homicidio e pediu que o seu cliente fose absolto e que se lle sometese a un tratamento psiquiátrico.

Tras a finalización do xuízo e despois da deliberación, o xurado popular, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considerouno, por unanimidade, culpable de asasinato, aínda que cunha atenuante "por combinación de trastorno da personalidade con limitación lixeira das súas facultades volitivas".

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta