Os falsos mitos sobre o consumo de drogas... É mellor un porro que unha "pastilla"?

O consumo e o exceso de alcol é tolerado, o do tabaco é visto como prexudicial mais aumenta entre a xente nova. E entre as drogas, hai níves diferentes. O haxix ou cannabis semellan "brandas", as drogas de deseño "están de moda" e no cume da pirámide a cocaína ou a heroína. Pero que hai detrás do consumo de drogas en Galicia?, e, sobre todo, que propicia o seu consumo e a súa imaxe social?.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Diversos axentes están implicados hoxe por hoxe na prevención do consumo de drogas, desde as autoridades policiais, os centros educativos, autoridades políticas e sociais e todas ellas xuntas non conseguiron frear a adicción a determinadas substancias ou comportamentos por parte de xente nova e adultos. Por que? Que hai tan forte detrás de cada adicción? Por que non é abondo coas medidas preventivas?

Pastillas de éxtases no seu automóbil. GARDA CIVIL
Pastillas de éxtases no seu automóbil. GARDA CIVIL

En reportaxes anteriores sinalábase que non hai constancia de venda polo miúdo (menudeo) de substancias como haxix ou marihuna arredor de centros educativos, aínda así, os mozos e mozas poden acceder a isto e moito máis. Ese máis son as drogas de “deseño” accesibles a través da Internet. Ese máis son as apostas, o xogo online, mesmo os videoxogos. Por que todo isto? Desidia por parte das autoridades, falta de control dos pais e nais sobre os fillos e fillas?

ARREDOR DA ADOLESCENCIA

“Comecei cos amigos, cannabis. As dúas cousas, haxix e marihuana. A primeira vez convidáronme, algunha vez tiven que mercalo aínda que non fumaba constantemente. Algunha vez si que me escondía. Fumaba cos amigos, cando estaba saía con eles”. Quen fala é Antón, un mozo que decidiu contar a súa historia. O motivo de querer entrar a probar o cannabis e logo seguir con el por un tempo foi “ansiedade, porque tiven un curso de bacharelato moi estresante”.

Así e todo, o cannabis non é a droga máis consumida entre a xente nova. A definición de droga inclúe a adicción, o non poder deixar de consumir e se se fai de súpeto, pode crear síndrome de abstinencia. Cal é a droga máis consumida? “A día de hoxe a maior preocupación que temos é o consumo de alcol en menores, hai consumo doutras substancias, mais os datos sobre alcol e a normalización do seu consumo son alarmantes” relata María Iglesias, da Asociación Renacer en Ribeira. “Fixemos un estudo en Ribeira coa USC con Antonio Rial, dá unhas porcentaxes distintas porque incluímos menores de 12 anos aos 18 anos, non como o Plan Nacional sobre Drogas, que vai dos 14 aos 18. O noso estudo dános que a metade dos menores probou o alcol e a idade media dános un 13,6”.

Fumando cannabis
Fumando cannabis | Fonte: Chmee2 en Wikipedia.

“Hai moitos falsos mitos sobre as drogas, o máis habitual é que alcol, tabaco ou cannabis, que como non son químicos, non son prexudiciais, as drogas causan dependencia que se debera valorar antes de consumir calquera substancia” di un policía que intervén no Plan Director de prevención. “A día de hoxe todos temos claro que o tabaco é malo, o seu consumo baixou, e hai unha lei nacional sobre o tabaco, mais non hai unha lei nacional sobre o alcol, e hai unha lei galega que non se cumpre” di María Iglesias de Renacer.

“Nunca probei algo máis forte, prefiro non probalo, mais si fumei durante un ano, pero de maneira discontinua, fumaba para divertirme a fin de semana, os colegas non tomaban nada máis, si que bebiamos, para ir de festa o normal supoño, en botellón” di Antón. “Vemos que loitamos contra a nosa cultura, unha cultura que banaliza moito o consumo de alcol, o tabaco o mesmo, hai que ser consicentes de onde vimos” sinala o axente de Policía do Plan Director. “A día de hoxe hai certos elementos que dificultan o noso traballo, mais do lado contrario, a xente nova ten máis canles de información e son capaces de interpretar de maneira crítica toda a información e asumir todas as súas respostas cando teñen ante si a decisión crítica de consumir ou non”.

MODELO SOCIAL

O modelo social de comportamento e tolerancia sobre determinadas substancias ten un peso fundamental no comportamento posterior da xente nova. Isto pode traducirse claro está, en comportamentos adictivos e prexudiciais se non se cortan a tempo. María Iglesias deduce que “se a sociedade me di que o alcol non é tan malo, que mesmo é bo para determinadas cousas, entón un adolescente entende que non é malo, e os adolescentes teñen unha sensibilidade absoluta ao alcol, está moi perto deles, hai pais que llelo compran porque non é tan malo e como modelo de sociedade celebramos todo con alcol”.

Desde o Plan Director remarcan que “dentro do ámbito escolar as drogas con máis presenza son o alcol e o tabaco, intentamos dicir que son as que máis impacto teñen na saúde pública, sobre o cannabis percibimos que a xente nova o ve como nada perigoso, mais os datos reflicten que nos últimos anos hai un incremento de persoas que necesitan asistencia sanitaria, sobre todo saúde mental, a raíz de adiccións a cannabis e derivados

“O Plan Nacional sobre Drogas di que o alcol non é bo para nada, non é prexudicial unha copa ao día mais non é saudable” avisa María Iglesias, “Penso que desde o noso punto de vista habería que facer autocrítica sobre cal é a relación do adulto e a sociedade co alcol. A día de hoxe todos temos claro que o tabaco é malo, o seu consumo baixou, e hai unha lei nacional sobre o tabaco, mais non hai unha lei nacional sobre o alcol e hai unha lei galega que non se cumpre”.

XENTE NOVA DÉBIL OU MOITA PERMISIVIDADE?

Eu non creo que os mozos e mozas sexan débiles, nin a sociedade, mais é unha cuestión de que acbas máis por unha cuestión de casualidade, para eles xogar non é unha debilidade, é un plus” afirma María Iglesias. Sobre novas adiccións, esta psicóloga fala do xogo online e outro tipo de apostas e como inflúen sobre o adolescente. “O cerebro dun adolescente non pensa a longo prazo, non é o cerebro dun adulto, pensan na recompensa inmediata e teriamos que pensar en que todo isto non pode estar tan accesible”. Iglesias remata apuntando á lexislación. “Apareceu un proxecto de lei do xogo de Galicia, e nós fomos desas entidades que protestamos porque é moi laxa, eu sería máis ríxida sobre a promoción do xogo”.

A xente máis nova ten moita máis información que hai vinte ou trinta anos. Non obstante o acceso a Internet pode abrir portas insospeitadas como din desde o Plan Director. “Nos novos tempos Internet permite que haxa comunicacións cifradas e que haxa traficantes que comercien coas chamadas novas substancias psicoactivas”. Ademais diso estiman que a día de hoxe “a cota de mercado é importante, hai que ter un coidado especial que estas substancias cheguen aos escolares e as consecuencias son descoñecidas mesmo pola comunidade médica”.

Onde está o problema? “O tratamento dunha nova substancia non é como as coñecidas, cando mercas unha nova substancia a través da web, non sabes que estás mercando, así que cando vas ao centro sanitario, o médico ou médica non sabe que tratamento darche” din do Plan Director.

Existe máis tolerancia entre os pais e nais de hoxe que hai dúas, tres ou catro décadas atrás?“Non sei” di María Iglesias que pregunta “por que se hai unha lei sobre o alcol por que non se cumpre? Sobre o cannabis, falan de impostos que se poden recadar de legalizalo, xa pero tamén está a saúde das persoas”. E Iglesias insiste, “o consumo en adolescencia de alcol incide no rendemento académico, afecta a longo prazo por ser un cerebro máis sensible”.

Á parte das drogas de deseño, das novas adiccións como ás apostas online, o consumo de alcol e cannabis, seguen dándose outros consumos xa coñecidos? “Percébese un repunte da heroína, máis os derivados das anfetaminas, asociados a determinados eventos de ocio teñen a súa repercusión, en estudos europeos din que o consumo de heroína desde hai dous anos parece que se dá un certo repunte, nalgúns países a adicción vén por receitas de medicamentos” sinalan desde o Plan Director.

A conclusión é que si existe un consumo importante de drogas, sobre todo alcol e tabaco e o cannabis teñen unha ampla aceptación entre a xente nova. Doutra parte as investigacións de organismos públicos internacionais sinalan un repunte da heroína así como do consumo de substancias psicoactivas de deseño. Por outra parte, o cambio de paradigma social e a prevención seguen sendo dúas das mellores armas contra o consumo de drogas entre xente nova.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta